A Marea Atlántica organiza este sábado unha xornada sobre o problema da vivenda con Javier Burón, un dos maiores expertos do Estado
A cita con Burón, xerente da área de Vivenda do Ajuntament de Barcelona, é este 19 de novembro, desde as 10.30h, no Circo de Artesáns
O evento enmárcase no ciclo “Horizonte Coruña”, e incluirá un coloquio con colectivos e entidades sociais da cidade sobre esta problemática
A Marea Atlántica continúa este sábado, 19 de novembro, co seu ciclo de charlas Horizonte Coruña coa xornada Alternativas municipalistas ao problema da vivenda. Contará coa presenza de Javier Burón, experto, xerente da área de Vivenda do Ajuntament de Barcelona e responsable dalgunhas das políticas públicas máis avanzadas que se están a desenvolver en España neste eido.
A cita será ás 10.30h, con acceso libre, no salón de actos do Circo de Artesáns (San Andrés, 26). Comezará cunha conferencia de Burón sobre as causas do complexo problema da vivenda que atravesa as cidades como a da Coruña e as políticas que dende o local poden contribuír a resolvelo.
Posteriormente, terá lugar un coloquio con distintas asociacións e colectivos, para ampliar o foco e as perspectivas sobre o problema. Coa arquitecta e candidata da Marea Atlántica, Chiqui García, como moderadora, participarán:
- Ana Pardo, directora territorial da asociación Provivienda en Galicia, que traballa para ofrecer vivendas sociais en todo o Estado.
- Margarida Vázquez, presidenta do Consello Reitor da Cooperativa de vivienda en cesión de uso ‘Outra Forma de Vivenda’, que está a desenvolver o seu proxecto na Coruña.
- David Pereira, arquitecto da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, autor dun estudo sobre como o estudantado da UdC accede á súa vivenda.
- Javier Burón, xerente da área de Vivenda do Ajuntament de Barcelona.
A primeira xornada de Horizonte Coruña celebrouse en outubro, centrada no futuro do porto e coa presenza de Ramón Marrades, reunindo a un centenar de persoas. Agora é o momento de falar de vivenda, e continuaremos a poñer sobre a mesa debates, reflexións e propostas para afrontar os principais retos que teñen por diante esta cidade e a súa área metropolitana.