O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña asumiu este compromiso durante a celebración dunhas xornadas sobre a saúde mental que reuniron medio cento de persoas no Circo de Artesáns
Os malestares incrementáronse dende a pandemia: o 55% dos adolescentes sofren ansiedade e depresión e o 25% dos mozos e as mozas toman psicofármacos
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, propuxo hoxe a creación no dun servizo municipal de saúde mental destinado a adolescentes e xente moza, no marco dun plan máis amplo destinado a coidar do benestar psicolóxico da veciñanza. “Non podemos seguir ignorando o problema, nin rodeándoo dun muro de silencio. Temos que falar de saúde mental, porque os malestares incrementáronse desde a pandemia. Máis dun 30% das poboación galega cre, segundo o IGE, que a súa saúde mental empeorou desde o confinamento, coa precariedade laboral coma unha das grandes causas. Un 25% dos adolescentes toman psicofármacos. Un 55% da mocidade padece depresión. O tempo de mirar para outra parte rematou”.
Xove lembrou que a Marea Atlántica foi pioneira ao conseguir que o Concello da Coruña vaia contar, por primeira vez na súa historia, cun Plan de Saúde Mental, grazas a que o introducimos na negociación dos Orzamentos 2022. Xa saíu a licitación e rematarase ao longo deste ano, con medidas coma a creación dun servizo municipal de atención psicolóxica, e a inclusión de profesionais da psicoloxía nos equipos de atención social e nos centros de ensino. Lamentablemente, o goberno de Inés Rey non o impulsou con toda a urxencia que merece, pero iso pode cambiar a partir de maio.
“Imos facer da saúde mental un dos eixes do noso programa e do próximo goberno, porque é un asunto crucial, porque a vida non debería doerlle tanto a tanta xente, e porque forma parte das competencias e das incumbencias dun Concello. E unha das primeiras medidas será a creación dun servizo dirixido a adolescentes e mocidade”, confirmou Xan Xove. Este servizo incluirá medidas de sensibilización, divulgación dos problemas de saúde mental e recursos de escoita, atención rápida —presenciais, telefónicos e on-line—. Sumará, tamén, formación permanente para todas as idades, prevención do acoso escolar e o suicidio xuvenil, e un programa de educación en saúde mental e afectivo-sexual, diversidade corporal e funcional.
Falando de saúde mental nunha xornada aberta
Xove adquiriu este compromiso na presentación da xornada Temos que falar de saúde mental, que a Marea Atlántica organizou esta mañá na sede do Circo de Artesáns, coa asistencia de medio cento de persoas. Comezou cunha charla do psicólogo e profesor da Universidade de Deusto e da Universidade do País Vasco Iñaki García Maza e cun coloquio no que tamén participaron María Isabel Vázquez Souza, psiquiatra e representante do Movemento Galego de Saúde Mental; Susana Castro León, terapeuta e cocreadora do GAM de acompañamento emocional que funcionou durante a pandemia; e Marta González Rodríguez, psicóloga e representante da Asociación de Psicólogas Clínicas do Sergas. Coincidiron en sinalar a pobreza, a desigualdade e a ansiedade como causas estreitamente relacionadas co incremento das patoloxías mentais, así como en denunciar a escaseza dos recursos públicos para atendelas coa urxencia que requiren.
Iñaki García Maza falou dos “malestares e sufrimentos contemporáneos como desencadeantes da gran maioría de problemas de saúde mental, algo que se agudizou coa pandemia e con todo o que veu despois, que semella unha cancelación do futuro que nos prometeran”, e fixo un chamamento a “politizar estes malestares para ter unha vida boa” (unha perspectiva que desenvolve ao detalle neste artigo). O psicoterapeuta sinalou que “desde o clínico e o individual poden tratarse os síntomas, pero a terapia e os fármacos non fan desaparecer a precariedade laboral, a soidade, a pobreza ou a discriminación, problemas de causa colectiva e que deben tratarse desde o colectivo”.
A cancelación do futuro que agardábamos
Esa “cancelación do futuro” afecta especialmente á mocidade, quen ten máis futuro por diante. García Maza citou informes internacionais recentes que amosan que a maior fenda na saúde mental é xeracional e non tanto entre países ricos e pobres: “A xente moza ten ata un 30% máis problemas psicolóxicos, nunha pauta que se repite en todo o mundo”. Por iso, recomendou traballar no eido da mocidade, en cuestións coma o uso das redes sociais e o tempo libre, e introducir a presenza de profesionais da psicoloxía nos centros de ensino, sobre todo en barrios vulnerables. En paralelo, debe abordarse o problema da soidade non desexada, que afecta moito ás persoas maiores, pero que se dá en todos os rangos de idade.
O relator reclamou tamén que a saúde mental debe ser un factor integral da acción de goberno, xa que cuestións coma a igualdade, o acceso á vivenda, o bo funcionamento dos servizos sociais e a calidade do espazo urbano están directa e intimamente co benestar. A pobreza e a desigualdade son a gasolina na que prenden moitos trastornos psicolóxicos comúns.