O goberno do PSOE anula o Dillo Ti e prefire arranxar acordos nos despachos. Nós, desde a oposición, non imos deixar de dar a cara ante a veciñanza
A Marea Atlántica comezará, este sábado en Palavea, a celebrar os encontros Rede de Barrio, para reunirse directamente coa veciñanza, coñecer de primeira man os seus problemas e incorporalos á súa actividade política e de oposición no Concello da Coruña. A primeira cita será este 21 de setembro, ás 12.00h, no Centro Cívico de Palavea, e irase repetindo periodicamente en todos os barrios da cidade.
Trátase de encontros abertos, aos que calquera persoa pode achegarse para trasladar as súas consultas e demandas. Contarán coa presenza das integrantes do grupo municipal e da Coordinadora da Marea Atlántica.
Un goberno que non dá a cara
O goberno municipal confirmou no último Pleno, que non vai seguir celebrando o Dillo Ti, renunciando a dar a cara ante a veciñanza e dando un paso atrás na rendición de contas Despois de que o goberno de Xulio Ferreiro celebrase máis de 25 destes encontros en todos os barrios da cidade, e respondera a todas as preguntas que a xente da Coruña quixo formular, o goberno de Inés Rey prefire agocharse nos despachos.
Pola nosa banda, desde a oposición, continuaremos a traballar falando de fronte coa cidadanía, escoitando e dando respostas, sen fuxir do debate político. Por iso facemos Rede de Barrio.