O Arcebispado de Oviedo, propietario do inmoble, aceptou a oferta en maio de 2019, tras dous anos de negociacións
“Correspóndelle ao PSOE finalizar o proceso, xa levan sete meses gobernando e foi un dos puntos incluídos no noso pacto de Orzamentos”, sinalou Xiao Varela desde a Rede de Barrio de Monte Alto
A Marea Atlántica celebrou esta mañá, no centro cívico de Monte Alto, a primeira edición do ano 2020 da Rede de Barrio, un ciclo de encontros abertos coa veciñanza para render contas e responder dúbidas. Nesta cita, o concelleiro Xiao Varela instou ao goberno municipal a completar a compra do edificio situado no número 19 da rúa Panadeiras e desenvolver o plan para unir esta rúa co mercado de San Agustín. “No mandato anterior completamos o máis difícil, negociar a compra co Arcebispado de Oviedo, propietario do inmoble e deseñar o plan para a conexión de Panadeiras e San Agustín. Agora o PSOE só ten que executalo e non houbo avances logo de sete meses de goberno”.
Como explicou Varela, a aceptación da oferta de compra por parte do Arcebispado de Oviedo chegou ao Concello o 7 de maio de 2019, dúas semanas antes das eleccións, e despois de dous anos de negociación, “polo que non foi posible avanzar no expediente definitivo da adquisición”. Este acordo debía resolverse antes do 26 de setembro e así llo trasladamos en xuño, sen que o novo goberno fixese o traballo a tempo. A compra e a obra para conectar as dúas vías está incluída tamén nos Orzamentos 2020 e forma parte do acordo político entre a Marea e o PSOE para a aprobación das contas municipais. Para isto, sempre, poderán contar co noso apoio.
Vontade de acordo
Da súa banda, a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, argumentou que “a veciñanza escolleu un cambio de goberno nas últimas eleccións municipais, pero non outorgou maiorías absolutas. É un chamamento a entendernos entre distintas forzas e nós respectamos a súa vontade, por iso fuximos do bloqueo, negociamos uns orzamentos progresistas e procuramos manter vivos os proxectos que benefician á cidade”, como é o caso desta transformación en Panadeiras, do impulsto á Área Metropolitana, ou da recente recuperación do carácter público para os terreos da Solana.
Proba desta vontade de entendemento, á que se suma sempre o sentido crítico de vixiar o cumprimento do acordado, é a aprobación dos Orzamentos 2020, deseñados en clave progresista e cos eixos da igualdade e o benestar, a loita contra a crise climática, o dereito á vivenda e a cidade, a mobilidade sostible e o equilibrio territorial entre os barrios.
Froito do pacto orzamentario, lembrou María García, desenvolveranse en Monte Alto proxectos como a reforma do Mercado (bloqueada no anterior mandato) a ampliación das hortas urbanas do Parque Carlos Casares, a segunda fase do Camiño do Vixía, que suporán a reurbanización da praciña do cruce entre Santo Tomás e a Verea do Polvorín. Outros proxectos son a restauración da bágoa de San Roque e as Naves do Metrosidero, un equipamento que a mocidade poderá facer seu, mantendo os usos deseñados polo gobeno anterior nun completo proceso participativo. E tamén medidas que beneficiarán a toda a cidade, como a creación dun operador enerxético 100% municipal ou a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, entre outros.
Renda Social Municipal
Durante o debate coas persoas asistentes mencionouse tamén os impagos recoñecidos polo goberno nas novas altas da Renda Social Municipal. Silvia Cameán confiou en que se resolvan coa entrada en vigor dos Orzamentos deste ano, poñendo fin ao problema que o propio PSOE causou ao bloquear o proxecto orzamentario de 2019. E advertiu de que “a Renda Social foi unha medida pioneira, abriu camiño, e agora pode mellorarse, pero toda reforma terá que pasar por aumentar os dereitos, non por recurtalos”.
Outro temas que a veciñanza puxo sobre a mesa na Rede de Barrio foron a declaración da zona da Torre como Espazo Natural de Interese Local, froito do traballo do goberno de Xulio Ferreiro, ou os bos resultados do aeroporto de Alvedro, “que medrou un 30% en viaxes durante o anterior mandato, grazas a unha política na que deixamos de subvencionar os voos a Madrid para fomentar outros destinos”, segundo comentou Alberto Lema.