Saltar ao contido

Deixamos todo listo para que as obras do polideportivo do Castrillón poidan comezar o vindeiro ano, e loitaremos porque teña unha xestión 100% pública”, sinalou Xiao Varela

A preocupación pola crise das bolsas comedor e o funcionamento dos Servizos Sociais no Concello tamén se deixou sentir no debate

As concelleiras e concelleiros do grupo municipal da Marea Atlántica mantiveron hoxe un encontro aberto á veciñanza no centro cívico do Castrillón, a segunda Rede de Barrio que se celebra logo da estrea desta iniciativa o mes pasado en Palavea. O debate centrouse no necesario cambio do modelo de mobilidade na Coruña, nos problemas xurdidos nos últimos meses co  traballo dos Servizos Sociais municipais, e nas melloras realizadas no barrio durante os catro anos do mandato de Xulio Ferreiro.  

Así,  reclamóuselle ao goberno do PSOE “valentía” para manter a aposta do anterior mandato pola mobilidade a pé, en bicicleta e en transporte público, coa humanización das rúas, a ampliación do carril bici e, sobre todo, aproveitando o traballo para unha das grandes contas que quedaron pendentes: o cambio nas liñas de bus. Como sinalou o concelleiro Xiao Varela, “é necesario un cambio profundo, porque a rede de autobuses actual foi deseñada nos anos 80, cando barrios como Novo Mesorio ou Os Rosais non existían”. Por iso, “o carril bus é unha boa medida, pero non pode servir de escusa para non facer as reformas que a cidade precisa”. 

A crise das bolsas comedor, que deixou a máis de 400 fogares sen unha axuda da que gozaran o ano pasado, tamén asomou no debate, e foi respondida por Silvia Cameán: “Preocúpanos o funcionamento dos Servizos Sociais, que a mediados de outubro aínda non conseguiron dar unha resposta satisfactoria ao problema das bolsas comedor, e que xa no verán acumularon atrasos no pago da Renda Social Municipal. E preocúpanos que a primeira resposta do goberno sexa sempre botarlle a outros as culpas dos seus erros, xa sexan ás familias, as persoas en risco de exclusión ou o goberno anterior”. 

 

Liñas clave para os Orzamentos 2020

IMG_20191020_143932_707María García explicou que “ao contrario que no anterior mandato, nós non imos facer unha oposición baseada no bloqueo”, pois “os nosos votos servirán para empurrar ao goberno do PSOE cara ás políticas valentes e progresistas”, como proban os primeiros acordos do mandato —grazas aos que xa botou a andar a creación da Área Metropolitana, por exemplo— e a negociación dos Orzamentos 2020, que está a producirse nesta semanas. “As nosas prioridades son a loita contra a desigualdade e a emerxencia climática, a mobilidade sostible, o feminismo, o dereito á vivenda e o reparto equitativo nos barrios”, sinalou. 

Na mesma liña, Iago Martínez engadiu que, desde unha postura responsable, “imos facer valer os nosos seis asentos no Pleno para achegar ideas, proxectos e medidas que beneficien ao conxunto da cidadanía, porque o PSOE non o está a facer. Percíbese un goberno pouco claro nas súas prioridades, falto de liderado, e que perde demasiado tempo en desfacer cousas como a laicidade institucional ou as políticas de participación”. 

As persoas que asistiron á Rede de Barrio amosaron tamén a súa preocupación polo futuro dos Orzamentos Participativos, despois de que este ano se reducise o prazo de votación a tan só unha semana —en lugar dos 21 días de edicións anteriores—. “Non entendemos por que se está a reducir a calidade dun programa de democracia directa, que estaba a consolidarse”, sinalou Claudia Delso, quen lembrou que “o PSOE xa eliminou o Dillo Ti porque, segundo declararon, prefiren que a participación cidadá sexa nos despachos. Agardamos que os Orzamentos Participativos non sigan o mesmo camiño, e para iso é fundamental que a veciñanza os apoie e reivindique”. 

A veciñanza reivindica un cambio ambicioso no modelo de mobilidade, desde a Rede de Barrio do Castrillón