Saltar ao contido

María García: “Os orzamentos de Feijóo son propagandísticos e decepcionantes, só reciclan promesas incumpridas” 

O maior investimento na cidade chega de mans dunha entidade privada, a Fundación Amancio Ortega, para construír un centro de maiores nunha parcela cedida polo goberno da Marea Atlántica en Eirís: “É un bo exemplo do que supoñen estas contas, cero compromiso”

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, valorou esta mañá o que ofrece para A Coruña o proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2020, e concluíu que son “decepcionantes e propagandísticos”. Por iso, anunciou xunto a Avia Veira, concelleira do BNG, a convocatoria dun Pleno Extraordinario para os vindeiros días, na procura dun posicionamento maioritario da Corporación en contra “duns orzamentos que non está a altura da área metropolitana da Coruña”, que volve ser unha das peor tratadas, tanto en termos globais coma en investimento por habitante.

Podes descargar aquí a solicitude para o Pleno Extraordinario.

Ambos os dous grupos municipais suman máis da cuarta parte da Corporación que o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) esixe para solicitar, con carácter vinculante, a celebración dun Pleno extraordinario. Esta sesión deberá celebrarse á maior brevidade, para axustarse aos prazos da tramitación parlamentaria do orzamento autonómico. Previamente tería que celebrarse tamén unha xunta de voceiros para elaborar, coas achegas dos distintos grupos municipais e co maior respaldo posible, a proposta de acordo que se votaría no Pleno.

Como sinalou García, “estas contas son unha batería de anuncios que xa nos soan coñecidos, como coñecido nos soa o seu incumprimento ano tras ano”. E engadiu que “a campaña electoral de 2020 trae un aumento dos fondos para A Coruña, despois de catro anos de seca nos que o maior investimento da Xunta na nosa cidade foi a pasarela de Marineda, aínda sen rematar, pero a maioría destes fondos chegan de recuperar promesas sen ningunha credibilidade. Feijóo, na Coruña, non se esmera nin coa propaganda”.

 

Externalización de responsabilidades

A voceira da Marea Atlántica recalcou que “o maior investimento na cidade chega de mans dunha entidade privada, a Fundación Amancio Ortega”, que porá 15 millóns de euros para “construír un centro de día para maiores nunha parcela cedida polo goberno da Marea Atlántica en Eirís, todo un exemplo de cero compromiso e externalización de responsabilidades nas políticas de coidados”.

A cambio, nun momento de grave crise no emprego industrial, o goberno de Feijóo non concreta a súa aposta para a Cidade das TIC, e leva o seu investimento a Arteixo, ao polígono de Morás. Benvido sexa, pero bótase en falta un maior compromiso cun proxecto tan claro e definido como a Cidade das TIC, unha iniciativa do sector e a Universidade da Coruña que o goberno municipal da Marea Atlántica apoiou dende o primeiro día.

 

Propostas incumpridas e reaproiveitadas

20191021_113740Deste xeito, atopamos a proposta de comprar edificios en ruínas no Orzán e na Cidade Vella para a súa rehabilitación, que xa se anunciara en setembro de 2016, na anterior campaña electoral de Feijóo, “pero desde aquela non se moveu un papel en tres anos”.

Outra sorpresa é o proxecto para 40 vivendas sociais no Ofimático, dotado con dous millóns, “outro anuncio que fixo en setembro de 2016 e que nos volve facer agora, e que se chega a materializarse será grazas aos avances no goberno anterior na urbanización deste novo barrio ”.  Mesmo apoia o proxecto da Marea Atlántica para vivendas sociais en Marqués de Pontejos cunha cantidade rídicula de 90.000 euros.

O que si se está a materializar, dez anos despois de que se orzamentase por primeira vez, é o colexio de Novo Mesoiro. Estaba no programa electoral de Carlos Negreira en 2011, pero foi o goberno da Marea Atlántica o que cedeu o solo para construílo en novembro de 2016. “A este paso van te que converter o colexio en instituto, pero agardamos que polo menos lle fagan caso á veciñanza e doten ao centro dun comedor propio en lugar dun servizo de cátering”, sinalou García. No eido da educación, volven quedar no aire as prometidas obras para cubrir os patios e mellorar os comedores dos centros de ensino públicos da Coruña.

Cheira a coñecido tamén o proxecto do Centro Amizar na antiga sede de Sanidade, anunciado en 2017 para lanzar a Beatriz Mato como candidata á alcaldía da Coruña. Segue sen facerse, como non se fixo o proxecto que anunciara Carlos Negreira xunto a Rocío Mosquera, a malograda conselleira de Sanidade, para construír no mesmo edificio un novo cuartel para o 092.

 

A broma de mal gusto da Intermodal

20191021_114046A Intermodal consúmase como a gran operación de boicot á Coruña por parte de Núñez Feijóo: “Máis de 7 millóns en Santiago, máis de 8 en Vigo, máis de 5 en Pontevedra, máis de 3 en Ourense. E na Coruña, 360.000 euros despois dos 150.000 do ano pasado”, lembrou a concelleira. Non se agardan avances na estación de autobuses, e tampouco na estación de ferrocarril, despois do paripé da alcaldesa e o delegado do Goberno ao comezo do mandato. O único que avanzará a curto prazo serán os accesos, o único que era responsabilidade do goberno municipal da Marea Atlántica.

A outra gran ausencia é, un ano máis, a recuperación ambiental da Ría do Burgo, para a que non se reserva nin un só euro. “A escusa de Feijóo é que Pedro Sánchez non fixo nada. A escusa de Pedro Sánchez é que está en funcións. E mentres tanto, a contaminación da ría está cada día peor.  Onde está o compromiso ambiental?”, preguntouse María García.

Polo que respecta á reforma do Hospital da Coruña, a voceira da Marea Atlántica salientou que “seguimos sen saber se a Xunta quere facer un novo centro ou ampliar o actual, o único que sabemos é que non se debateu nin co Concello, nin cos sectores profesionais da sanidade”. Como tampouco se sabe nada do centro de saúde de Santa Lucía, do que o PP leva catro anos facendo causa, nin das necesarias melloras da atención primaria.

 

A Marea Atlántica e o BNG solicitan un Pleno extraordinario sobre os Orzamentos da Xunta