Saltar ao contido

María García: “A parálise da área de Rehabilitación é preocupante, nun momento no que debería ser decisiva para fomentar o dereito á vivenda, recuperar pisos baleiros e mellorar a súa eficiencia enerxética”  

O goberno local non solicitou novas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) nin renovou as existentes, nin convocou axudas propias ata decembro de 2020. Escolleu acelerar mamotretos na Maestranza ou Percebeiras

A falta de políticas públicas nótase: as obras de rehabilitación na área da Coruña baixaron case un 17% no terceiro trimestre deste ano con respecto a 2020

O grupo municipal da Marea Atlántica preguntaralle ao goberno de Inés Rey no vindeiro Pleno por cantas axudas para a rehabilitación chegou a solicitar no marco do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 desde a súa toma de posesión. Cos datos coñecidos ata o momento, o Concello leva tres anos sen solicitar axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral, desde que o fixo o equipo de Xulio Ferreiro en 2018. 

Ademais, en 2020 a Concellería de Urbanismo nin sequera convocou axudas de rehabilitación con fondos propios ata o mes de decembro, deixando un ano en branco e desaproveitando a oportunidade de fomentar o dereito a vivenda e o emprego, a través da recuperación de inmobles. Esta falta de iniciativa nas políticas públicas ten xa impacto na realidade. Segundo os últimos datos do Colexio de Arquitectura Técnica da Coruña, os expedientes de rehabilitación reducíronse un 16,8% no terceiro trimestre de 2021 con respecto ao mesmo período do ano anterior (baixaron de 119 a 99). Pola contra, a obra nova medrou un 12,6%, de 213 a 240. 

Para a voceira da Marea Atlántica, “a parálise na Área de Rehabilitación do Concello é moi preocupante, nun momento  no que debería ser unha política clave, para recuperar algunhas das polo menos 20.000 vivendas baleiras que temos na cidade, para mellorar a calidade e a eficiencia enerxética dos pisos máis antigos e en mans de persoas con menos recursos, e frea o deterioro dos barrios e os problemas de convivencia. Pero en lugar diso vemos que teñen moita máis presa en aprobar a construción en Percebeiras ou a Maestranza, de pisos a prezos moi lonxe da maioría da veciñanza, mentres a rehabilitación retrocede”.

A escusa habitual de Inés Rey é atribuír estes atrasos ao suposto “atasco” na herdado do mandato anterior. Pero o certo é que, aínda sendo trámites complexos, no primeiro ano do PSOE o grao de execución das axudas á rehabilitación é case a metade que en exercicios anteriores. En 2019 foi do 25,89%, fronte ao 44,03% de 2018. Non hai, polo de agora, datos de 2020, que como sinalamos foi un ano sen novas convocatorias de subvención. 

A aposta da Marea Atlántica pola rehabilitación

Durante o  mandato da Marea Atlántica, as axudas á rehabilitación aumentaron o seu importe e simplificaron os seus tramites, ademais de introducir criterios para beneficiar ás rendas máis baixas. Poden solicitarse para renovar cubertas, fachadas, portais ou outras zonas comúns en edificios, ou para a mellora de vivendas. Tamén poden destinarse a melloras na eficiencia enerxética, reducindo o consumo eléctrico e axudando a frear a emerxencia climática, e adherindose a bonificacións fiscais introducidas tamén a iniciativa da Marea Atlántica.

Polo que respecta ás Áreas de Rehabilitación Integral, axudas financiadas polo Plan Estatal de Vivenda e xestionadas a través da Xunta, o goberno de Xulio Ferreiro impulsou tres en 2015, en San Vicente de Elviña, o grupo de vivendas Santa Cristina en Palavea, e as chamada Casas de Franco no Ventorrillo. E outras tres no 2018, o Grupo María Pita (Labañou), a Cidade  Vella e Peixaría (ámbito PEPRI) e  de novo as Casas de Franco. Nas tres houbo escasos avances e a última, en concreto, está completamente paralizada, sen ningunha actuación nos últimos dous anos, como puidemos constatar nunha visita recente ao barrio. A Marea Atlántica ínstalle ao goberno municipal a corrixir esta carencia á maior brevidade. 

Preguntaremos no Pleno cando se van reactivar as axudas á rehabilitación no Concello da Coruña