Ao fío do 25N, e despois de que a Inspección de Traballo abra un expediente por non ter un plan de Igualdade, reclamamos que o goberno cumpra os acordos e declaracións plenarias
María García: “O compromiso coa igualdade e o feminismo non pode quedar só en declaracións e minutos de silencio, ten que demostrarse con feitos e políticas públicas”
A Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción para debater no vindeiro Pleno municipal, o xoves 4 de novembro, na que denunciamos o abandono das políticas de Igualdade por parte do goberno de Inés Rey, e reclamamos o cumprimento de todas as mocións e declaracións institucionais sobre a materia aprobadas (e ignoradas) durante este mandato.
“O compromiso coa igualdade e o feminismo non pode quedar só en declaracións e minutos de silencio, ten que demostrarse con feitos e políticas públicas”, sinala a nosa voceira, María García. E lembrou que a Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña, que formou parte dos acordos para a investidura da alcaldesa, incúmprese desde o mesmo día da súa aprobación. Proba disto é que a Inspección de Traballo abriulle un expediente ao Concello por non ter un Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, considerado unha “infracción laboral grave”. O plan anterior caducou no segundo semestre de 2019, e en dous anos non houbo interese en renovalo.
Tampouco se están a reforzar os recursos dispoñibles para atender ás vítimas de violencis machistas, nin a introducir criterios de igualdade nos contratos e subvencións municipais. Os programas de igualdade e prevención das violencias machistas foron eliminados da oferta de Coruña Educa, e nin sequera se convocou a Comisión de Seguimento prevista na ordenanza para corrixir estes problemas. Por todo isto, a nosa moción reclama que se cumpra a Ordenanza de Igualdade.
Máis recursos contra a violencia de xénero
Finalmente, a nosa proposta buscará a maioría do Pleno para reclamarlle aos gobernos local, autonómico e do Estado a que incrementen os recursos para políticas de igualdade e prevención de violencias machistas nos orzamentos do ano 2022. Achégase a conmemoración do 25 de novembro, Día pola Erradicación da Violencia contra a Muller, cun repunte nos casos de agresións machistas tras o confinamento. No que vai de 2021, e segundo as cifras oficiais, 36 mulleres foron asasinadas polo único feito de ser mulleres, entre elas Mónica, veciña do Birloque.Con criterios máis amplos, as vítimas chegan a 68 Desde o 1 de xaneiro de 2003, data na que comezaron a rexistrarse o casos, foron 1.114 as vítimas mortais da violencia de xénero. A Igualdade é un asunto que debe tomarse en serio.