No Día Mundial dos Océanos, lembramos a necesidade de traballar activamente pola calidade das augas no mar e a protección da biodiversidade
O procedemento para contratar as obras necesarias leva pendente desde 2020. Este ano saiu por fin a licitación, pero o concurso quedou deserto en maio
A Marea Atlántica reclama a reanudación, non menor tempo posible, do procedemento para adxudicar as obras que impidan a entrada de auga de mar na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens, que quedou deserto na súa primeira convocatoria, o pasado mes de maio. A nosa voceira, María García, lembrou que se trata duns traballos “obrigados polas normas da Unión Europea, polas garantía sanitarias e polo coidado do planeta, e que forman parte dos acordos co goberno de Inés Rey desde 2020”.
Así, no Día Mundial dos Océanos, instamos ao goberno local a reactivar as obras na depuradora canto antes, pois tanto o persoal técnico da EDAR como Augas de Galicia alertaron de que as elevadas filtracións de auga salgada na rede de saneamento impide completar a depuración como manda a normativa. “Non acometer esas obras supón empeorar a calidade das augas e aumentar a contaminación fecal dun xeito completamente innecesario”, argumenta María García.
Lembramos que este proxecto formou parte do acordo orzamentario entre a Marea Atlántica e o PSOE para os Orzamentos 2020, cun total de 470.000 euros, pero o goberno local eliminounos para financiar o primeiro Presco. Renunciou así a mellorar a depuradora mentres mantiña intactas outras partidas coma as de propaganda e asesorías externas. Nas contas xa aprobadas para este ano recuperouse a partida, e instamos ao goberno local a dedicarlle a atención que merece á EDAR, unha instalación metropolitana, pública, e pioneira en iniciativas ambientais.
A Marea Atlántica eliminou o 80% das verteduras contaminantes
A nosa voceira volveu reclamarlle ao PSOE que lle dea prioridade a área de Medio Ambiente, na que o goberno non está a ser capaz nin sequera de manter as iniciativas herdadas. E sinalou que durante o pasado mandato, a Marea Atlántica realizou por primeira vez un estudo para identificar os puntos de verteduras contaminantes na Coruña, máis de 20, e eliminou o 80%, reducindo o impacto sobre a ría do Burgo. Pedímoslle a Inés Rey que non abandone esta liña de traballo.