Saltar ao contido

Na Comisión de Medio Ambiente celebrada hoxe quedou claro que a concelleira responsable non participa das decisións sobre asuntos cruciais da súa área e bota balóns fóra sobre o que decide a Alcaldía sobre elas.

Levamos a Pleno unha moción para reclamar que se empreguen todos os recursos de supervisión das empresas de limpeza e recollida de lixo que a Marea Atlántica incorporou nos contratos, e que se establezan canles seguras para que os traballadores poidan denunciar irregularidades

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, sinalou hoxe que “a investigación aberta sobre a presunta trama do sindicato STL está a poñer de manifesto o desgoberno da Concellaría de Medio Ambiente”. Ao remate da Comisión de Medio Ambiente, á que asistiu, García explicou que “a concelleira Esther Fontán demostra que non participa de decisións cruciais que incumben a súa área, como a xestión da planta de Nostián, botando balóns fóra cando se lle piden explicacións e sinalando a Alcaldía coma se fose outro goberno”.

O “desgoberno” tamén se evidencia no feito de que “até que saltou o escándalo do STL non se aplicasen os mecanismos de control que os contratos inclúen dende o pasado mandato, a iniciativa do goberno de Xulio Ferreiro”, denuncia María García. E engade que “a concelleira de Medio Ambiente tamén recoñeceu que non se lle están a descontar á empresa os pagamentos correspondentes a servizos que non se están a prestar. Un exemplo de desinterese e mala de xestión de recursos públicos”.

Debate no Pleno deste xoves

Neste contexto, o grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno, este xoves 13 de abril, na que instamos ao goberno local a aplicar “de maneira exhaustiva e ata as últimas consecuencias” as ferramentas de control e supervisión dispoñibles nos contratos de limpeza viaria e recollida de lixo, para garantir que non se deterioran estes servizos fundamentais. 

“Grazas aos novos contratos, elaborados no mandato de Xulio Ferreiro, este goberno conta con máis e mellores ferramentas para controlar o traballo das empresas. Ten que empregalas ao máximo e, se é preciso, reforzar o equipo da Concellería de Medio Ambiente para garantir limpeza na limpeza”, explica a nosa voceira municipal, María García. 

Os contratos en vigor, a diferenza dos anteriores, inclúen a obriga de respectar a lexislación laboral e os convenios colectivos. Tamén incorporan un control de calidade sistemático, e a obriga de subcontratar empresas de economía social. Condicións que, de non cumprirse, permiten sancionar á empresa ou mesmo rescindir o contrato. “E así debe facerse en caso de atopar probas de infraccións graves das contratistas, por acción ou omisión”, afirma García. 

Novas medidas: transparencia e garantías para as denuncias

Con todo, ante a investigación aberta pola Fiscalía polas graves sospeitas de corrupción entre particulares, sería positivo implantar novas medidas de control contempladas na lexislación. Por exemplo, creando un buzón seguro para trasladar denuncias anónimas sobre irregularidades nos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria. Unha canle que garanta a seguridade e o anonimato das persoas que denuncien irregularidades. Debe facerse no marco da Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción.

Doutra banda, poden mellorarse os procesos de selección de persoal en ambos servizos. Con procesos de contratación con publicidade, transparentes e con criterios obxectivos. Así, as ofertas de emprego deberán ser públicas nas webs das empresa e do Concello, e abertas, podendo presentarse calquera persoa interesada. “Levaremos estas propostas ao Pleno, porque se hai vontade política,pódese garantir máis limpeza nos servizos de limpeza. Se non o fai Inés Rey, terá que ser a Marea Atlántica, cando en maio volva estar no goberno local”, resume María García. 

María García: “A investigación da trama do sindicato de limpeza está a evidenciar o desgoberno da área de Medio Ambiente”