Teremos presenza no campamento de Méndez Núñez, para informar á veciñanza do noso servizo de asesoramento a persoas en situación vulnerable, financiado co salario dos nosos cargos públicos
Acampa pola Paz é unha iniciativa cidadá que busca a defensa dos dereitos humanos e que conta co noso apoio desde a súa primeira edición
A Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica estará presente esta fin de semana na iniciativa Acampa pola Paz, que se inaugura hoxe nos xardíns de Méndez Núñez. Queremos apoiar unha vez máis este evento que reivindica os dereitos humanos e o dereito ao refuxio, ao tempo que informamos á veciñanza do noso servizo de asesoramento administrativo ás persoas en situación de vulnerabilidade social.
A concelleira Silvia Cameán asistiu hoxe a inauguración desta nova edición de Acampa, centrada en denunciar a “pandemia da fame”, que afecta a 811 millóns de persoas no mundo. Cameán agradeceu o traballo realizado por Acampa, “que cada ano se esforza en denunciar inxustizas coma a emerxencia alimentaria que está a golpear ao Sur global”.
“O respecto polos dereitos humanos incúmbenos a todas as persoas. Por iso debemos traballar para o cumprimentos dos tratados que o Estado español ten asinado pero que están moi lonxe de cumprirse, coma o Pacto Internacional de Dereitos Económicos Sociais e Culturais (PIDESC), de carácter vinculante”, reflexionou a concelleira tras o acto de inauguración.
Finalmente, lembramos que A Coruña, como Cidade Refuxio, é referente na acollida de persoas migrantes e refuxiadas, e apoiamos que o siga sendo no pacto orzamentario deste ano. Do mesmo xeito, queremos chamar a atención sobre un dato: son os países en vías de desenvolvemento os que acollen ao maior número de persoas refuxiadas, a pesar de contar con menos recursos.
‘Fame e refuxio’
A que comeza este 9 de xuño é a VI do Encontro Internacional Acampa pola Paz, e ten como lema ‘Fame e refuxio’. Céntrase en denunciar o crecemento das cifras da fame no mundo, que xa levan décadas sendo insoportables e que empeoraron nos últimos anos por mor da Covid e a guerra. Como xa é habitual, instalarase en Méndez Núñez un campamento que a cidadanía poderá visitar para coñecer testemuños e datos sobre a situación. O programa completo desta quinta edición de Acampa pola Paz pode consultarse na súa páxina web.
O traballo da Oficina dos Dereitos
Os días 9, 10 e 11 de xuño, mentres dure o programa de Acampa, a Oficina dos Dereitos terá un posto desde o que informar sobre o seu traballo, que permanecerá aberto de 10.00 a 14.00 e de 16.00h a 19.30h.
Esta iniciativa, financiada cos excedentes do salario dos nosos cargos públicos (ao igual que a Xanela de Proxectos), prestou apoio a ducias de persoas desde a súa posta en marcha en xullo de 2020, xestionada polo educador social Rodrigo Gil. Presta axuda para solicitar prestacións públicas, resolver trámites burocráticos e recibir orientación. A axuda da Oficina dos Dereitos pode solicitarse no correo dereitos@mareatlantica.org ou no teléfono 604 086 724.