Saltar ao contido

Mareas en Común deseña un espazo de confluencia, que ofrece ás mareas, aos partidos, á cidadanía non organizada e a todas as as forzas con desexo de traballar polo cambio en Galicia

O sábado 23 de abril a Marea Atlántica participou na sexta xornada de traballo das Mareas en Común celebrada no Castro de Samoedo (Sada) nun ambiente de lembranza do Laboratorio de Formas de Galicia desenvolvido por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. O propio alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, xunto con outros cargos institucionais, achegouse ao Castro para visibilizar o seu apoio a este proceso.

Os traballos centráronse, con vistas á celebración do momento constituínte ou Marea Viva, no seu cronograma, censo e regulamento. A Marea Viva é un espazo de traballo aberto a persoas, mareas, partidos, entidades, movementos e colectivos con desexo de recuperar as institucións galegas para a xente e levar a cabo políticas que representen o ben común e os intereses do 99%.

Tamén foron obxecto de análise a fórmula xurídica para presentarse ás eleccións, a metodoloxía de primarias e a necesidade de avanzar na conformación do programa.

A Marea Atlántica celebra con ilusión todos os pasos dados nestes seis encontros e seguirá comprometida para que desde a xenerosidade e a confianza sexamos quen de ofrecer á cidadanía galega nas próximas eleccións autonómicas unha opción gañadora e alternativa ás políticas exercidas en contra da maioría social do noso país.

O 7 de maio, comeza a Marea Viva para as autonómicas