Saltar ao contido
orzamentos 2016

“Non quero traizoar o pacto que teño co PP”. O PSOE puido escoller, e escolleu a dereita.

No pleno extraordinario do 1 de abril, o PP e o PSOE chegaron a un pacto para alterar os orzamentos presentados polo goberno da Marea Atlántica con dúas emendas presentadas no último momento. As súas propostas encaixaban perfectamente, demostrando un acordo que foi recoñecido polo voceiro socialista, José Manuel Dapena.

O alcalde, Xulio Ferreiro, ofreceulle aceptar integramente a súa emenda se non lle daba apoio á do Partido Popular, dirixida unicamente a bloquear a acción do goberno e restarlle competencias á Alcaldía. Fronte a iso, os recortes que propuñan os socialistas eran un mal menor e os cambios, asumibles nunha porcentaxe importante, como se demostrara na negociación previa ao pleno. A resposta de Dapena, que logo se apresurou a negar, foi: “Non quero traizoar o pacto que teño co PP”. O PSOE puido escoller, e escolleu a dereita.

Por que é tan mala a emenda do PP?

Porque lle resta á Alcaldía competencias previstas pola lei, das que dispoñían os anteriores alcaldes da cidade, para realizar transferencias menores de crédito.

E iso que significa?

Pois que determinados movementos de cartos dunha partida a outra dos orzamentos, aínda que sexan dun euro, terán que pasar polo pleno do Concello. Ata o de agora, cando ocorrían imprevistos, como que afunda Rubine por un temporal, o alcalde podía mobilizar recursos de áreas menos urxentes para atender a emerxencia. Con esta emenda, terá que convocar o pleno para pedirlle permiso. Tardará semanas. E mentres, a rúa seguirá a ter un burato.

Pois din que o alcalde pretendía saltar o control do pleno…

É mentira. As grandes modificacións dos orzamentos, como a que se fixo a finais de novembro, seguirán tendo que pasar polo pleno. A función de control segue a existir. Esta emenda non ten outra intención que bloquear a acción ordinaria do goberno.

E en canto a cartos?

A emenda do PP reduce fondos en dúas áreas sensibles:

  • -600.000 € no IMCE, reducindo, entre outros, os fondos para unhas Festas de María Pita dignas.
  • -448.000 € no Consorcio de Turismo, deixándoo sen capacidade para asumir compromisos xa adquiridos por gobernos anteriores, como a organización da regata de grandes veleiros Tall Ships Race.

Que recorta a emenda do PSOE?

  • -1.200.000 € en Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, poñendo en risco a capacidade de encargar proxectos, fase previa indispensable para poder executar as obras.
  • -464.000 € en Participación Cidadá e Innovación Democrática. A concellería tiña 492.000€ para desenvolver os seus programas, e agora queda con 28.000. Non queren que se escoite a voz da veciñanza.
  • -280.000 € en Medio Ambiente.
  • -120.000 € en Emprego e Economía Social.

Pois din PP e PSOE que todo o que quitan son externalizacións de servizos e propaganda.

Cando falan de “externalizacións”, falan en realidade asistencias técnicas para redactar determinados proxectos que co actual persoal municipal é imposible. Por exemplo, redactar proxectos de obra. Hai que lembrar que as leis aprobadas polo PP en Madrid e o ministro Cristóbal Montoro impiden aos concellos contratar persoal, polo que as asistencia técnicas son fundamentais. “Externalizar” é privatizar a prestación de servizos públicos, como fixo o PSOE con parte da xestión das bibliotecas. E cando falan de “propaganda”, falan de campañas para informar á cidadanía. Sobre o uso correcto dos colectores de reciclaxe ou sobre como e onde participar, por exemplo. Propaganda é o que fixo o PP ao programar unha exposición sobre Smart City na precampaña das municipais, que foi retirada por orde da Xunta Electoral.

Que pasou coas suxestións que fixera o BNG?

Estaban incorporadas no proxecto inicial de orzamentos, logo dunha negociación leal e rápida, grazas tamén á boa disposición de Avia Veira, a concelleira nacionalista. Pero as emendas coordinadas de PP e PSOE eliminaron boa parte do rastro das propostas do Bloque.

Logo, xa se aceptaran propostas doutros grupos?

Si, mesmo había ideas extraídas do programa do PSOE. Pedíronselles achegas concretas aos socialistas durante meses, pero non as fixeron ata unha semana antes do pleno… E logo cambiáronas coa súa emenda de última hora.

Os orzamentos estaban, e están, abertos ao diálogo. Porque cantas máis voces sumen, mellor representarán os intereses da cidadanía. O que non é leal é empregar a negociación como unha ferramenta para o bloqueo.

Se tan malas son as emendas, por que o goberno aprobou co seu voto estes orzamentos?

Por responsabilidade. Porque, aínda coas modificacións introducidas polo pacto entre PP e PSOE, esta opción é mellor que seguir co orzamento do goberno anterior prorrogado. Pese a todo, as novas contas permiten sacar adiante medidas importantes, recollidas no programa electoral da Marea Atlántica. E porque non garantir co voto a aprobación inicial do orzamento sería darlle ao PP e ao PSOE o que querían: bloquear o goberno e impedir a posta en marcha de medidas moi necesarias para a cidadanía.

Que se pode facer con estes orzamentos?

  • A Renda Social Municipal, que axudará entre 500 e 1.000 familias en risco de exclusión.
  • O Plan de Acceso a un Hábitat Digno para a erradicación dos asentamentos precarios.
  • A estratexia integral contra as violencias machistas.
  • Políticas de mellora da accesibilidade, como a instalación de ascensores en vivendas.
  • Plan Municipal de Emprego, que aspira a reducir o paro durante o mandato.
  • Permiten manter o compromiso de construír unha cidade sostible, con actuacións importantes a nivel ambiental e un esforzo en materia de saneamento.
  • Novo mapa de liñas de autobús.
  • Actuacións de carácter cultural e deportivo.

Os detalles da desfeita

Trala aprobación inicial, a Oficina Orzamentaria e a Intervención do Concello emitiron os seus informes sinalando a envergadura da desfeita causada polo pacto entre o PP e o PSOE.

Desfeita que inclúe erros nos cálculos, partidas nas que se retiran máis cartos do permitido, proxectos sen concretar e propostas de gasto que non teñen en conta o diñeiro que xa se empregou no que vai de 2016. Con orzamentos ou sen eles, o Concello segue funcionando e tendo gasto corrente, a basura segue a recollerse, os servizos sociais a traballar…

Estes erros, técnicos e aritméticos, son difíciles de entender en partidos que tiveron responsabilidade de goberno. E teríanse evitado se as emendas se presentasen con tempo, dándolle marxe aos servizos municipais para revisalas, e non unha hora antes do Pleno.

Período de alegacións

O prazo de reclamacións dura quince días, e estará aberto ata o 26 de abril. O orzamento, xunto cos informes, están expostos na Oficina Orzamentaria, na rúa da Franxa, así como na web do Concello, para que a veciñanza poida examinalos e presentar reclamacións se o considera.

A Marea alegará. Aínda hai unha oportunidade de reparar o dano feito por estas emendas. O executivo da Marea Atlántica fará todo o posible por restaurar áreas como a participación cidadá, severamente limitada polo pacto entre o PP e o PSOE.

Non o van conseguir.

Hai Marea!

Que raio pasou cos orzamentos?