O noso grupo municipal rexistrou unha moción para instar a Inés Rey a presentar un proxecto orzamentario antes do 31 de xaneiro e a negociar coa oposición para aprobalo
Esiximos, ademais, medidas urxentes: pago dos milleiros de axudas pendentes do Presco e aclarar que entidades sociais contarán cun convenio este ano
O grupo municipal da Marea Atlantica levará ao vindeiro Pleno do Concello, o 14 de xaneiro, unha moción para instar a Inés Rey a elaborar e presentar un proxecto de Orzamentos 2021 antes do 31 de xaneiro e a negociar coa oposición os apoios necesarios para aprobalo. A prórroga orzamentaria que o goberno local aplica de xeito irresponsable e unilateral terá consecuencias graves para a cidade, e cómpre esixirlle ao goberno que faga o seu traballo e non siga prolongando esta situación.
A situación xa é preocupante. Nos últimos doce meses o paro aumentou en case 2.500 persoas na Coruña, en 3.200 desde o inicio do mandato socialista. É unha suba do 20% no desemprego. E o Plan de Reactivación Económica e Social (Presco), impulsado de maneira unánime pola Marea Atlántica, o PSOE, o PP e mais o BNG, ten medidas que funcionaron, pero outras que se están a ver lastradas pola deficiente xestión do goberno. O caso máis grave é o das axudas a pemes, micropemes e persoas autónomas, que seguen sen abonarse seis meses despois.
Como sinala a nosa proposta na exposición de motivos, a única resposta da alcaldesa foi “abdicar da responsabilidade que lle atribúe a lei e non formular un proxecto de orzamentos para o novo ano. Non é por falta de apoio no Pleno, neste caso. Toda a oposición está a reclamar unhas novas contas. Todos os grupos están a tender a man para sacalas adiante”.
Medidas urxentes para reducir os problemas da prórroga
Prorrogar o orzamento non é unha simple cuestión administrativa. Ten consecuencias inmediatas na cidade, e na nosa moción tamén reclamamos medidas de urxencia para amortigualas. En primeiro lugar, debe ir a Pleno canto antes, e previa negociación, o Anexo de Subvencións Nominativas que remate coa incerteza das entidades sociais, veciñais, culturais e deportivas. Nestes momentos non saben se contarán un convenio do Concello e non poden planificar a súa actividade para o ano que comeza.
Reclamamos, do mesmo xeito, o pago inmediato das axudas pendentes do Presco, polas que milleiros de pequenos negocios locais levan seis meses agardando. E debe realizarse, por suposto, una avaliación do conxunto de medidas de rescate que se afaste da propaganda. Só con información seria, veraz e rigorosa poderemos mellorar o funcionamento de iniciativas similares neste 2021.
Finalmente, insistimos na necesidade de convocar antes de fin de mes a Mesa de Diálogo cos sectores do comercio e a hostalaría de proximidade, tal e como o PSOE acordou o pasado mes de decembro coa Marea Atlántica e mais o BNG nun pacto que tamén incluía a aplicación de medidas de alivio fiscal para os sectores económicos máis golpeados que teñen que ser efectivas, segundo o asinado, antes do 31 de xaneiro.
En resumo, e tal como recolle a nosa moción. “os orzamentos de 2020 foron concibidos no outono do ano anterior, entre setembro e decembro de 2019, cando ninguén podía imaxinar un escenario como o actual. Prorrogalos, como acaba de facer a alcaldesa, significa aplicar hoxe unha receita caducada e inútil, e iso é unha irresponsabilidade”.