Saltar ao contido

Entre marzo e outubro de 2020 as altas no SAD baixaron un 14% con respecto ao ano 2019 e máis da metade corresponden ao servizo extraordinario da Xunta. O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar  unha batería de preguntas de resposta escrita sobre o funcionamento da Oficina Municipal de Atención á Dependencia

Silvia Cameán: “Non pode entenderse que nun ano no que reforzar os coidados debería ser prioritario, queden cartos na caixa prexudicando ás persoas maiores e dependentes, deixando coxo un servizo fundamental”

Unha vez máis o PSOE incumpre o pactado. Se ben para aprobar os orzamentos do pasado ano asinamos un acordo no que se dotaba unha partida específica de 600.000 euros para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e unha partida adicional de 120.000 euros para pór en marcha un novo servizo de lavandería a domicilio para maiores de 85 anos, ningún dos dous se chegou a licitar sequera.

Segundo sinala a concelleira Silvia Cameán: “O acordo que asinamos permitía lanzar un novo contrato de Servizo de Axuda a Domicilio chegando a 160 persoas máis, e poñer en marcha un novo servizo de lavandería para maiores que alcanzaría 200 fogares. É gravísimo e unha irresponsabilidade que nun ano como o que acaba de pasar, estes fondos para maiores e dependentes queden na caixa mentres se eliminan horas de atención no servizo como aconteceu a finais de 2020 e denunciaron varias persoas afectadas”.

Diminúen as altas e aumentas as baixas

De marzo ate finais de outubro de 2020 tramitáronse aproximadamente 306 altas fronte ás 356 de 2019, un 14% menos. En canto ás baixas, en termos globais, producíronse 877 baixas ata outubro fronte as 382 no mesmo período de 2019, un 130% máis. Se ben, moitas baixas teñen que ver lamentablemente con falecementos das persoas (158), e tamén con hospitalizacións (204), resulta moi elevado o número de baixas voluntarias motivadas fundamentalmente polo medo aos contaxios por parte das persoas usuarias ou das súas familias. 

Polo miúdo, as altas do 2020: 45 correspóndense a Servizo de Axuda no Fogar Básico, 23 ao Servizo de Axuda a Domicilio de Dependencia, 24 no Programa de Atención Domiciliaria Socio Sanitaria e 214 altas correspondentes ao servizo extraordinario da Xunta.

En canto as baixas e suspensións prodúcese un retroceso relevante, un total de 877 das que só 158 correspóndense a falecementos, 204 por hospitalización e o resto, 446 baixas voluntarias.

“Despois de tres meses agardando polo acceso a estes datos, nun claro caso de dilacións indebidas para proporcionar a información por parte do goberno municipal, vemos que a  maioría das altas se corresponden co servizo extraordinario da Xunta, que son precisamente as horas que Feijóo anunciou o pasado novembro que ían recortar. Por contra, as baixas voluntarias e suspensións que non corresponden a falecementos nin hospitalizacións (446) son excesivas e deberían levar ao goberno local a unha nova configuración do servizo que outorgue seguridade ás persoas e as súas familias neste tempos de pandemia “ apunta Silvia Cameán.

O goberno municipal incumpre o acordo de reforzar o Servizo de Axuda a Domicilio malia ter fondos no orzamento