María García: “Reclamámoslle ao PSOE que comece a cumprir canto antes o acordo que asinou onte: a hostalería, o comercio e a cultura levan demasiado tempo agardando á intemperie”
As bonificacións na taxa da auga, lixo e saneamento deben estar en vigor antes do 31 de xaneiro, e non poden ser as únicas medidas do Concello para afrontar a crise
A Marea Atlántica insta ao goberno local a non perder o tempo e convocar, antes de que remate o ano, a Mesa de Diálogo incluída no acordo que asinamos onte, no que avaliar o resultado das medidas de choque contra a pandemia e recoller propostas para amplialas. Neste foro deben ter asento os grupos políticos do Concello e unha representación da hostalería, o comercio e a cultura, como sectores máis afectados pola crise.
A nosa voceira, María García lembra este acordo, asinado entre a Marea Atlántica, o PSOE e o BNG, “é só un primeiro paso e non resolve nada mentres o goberno de Inés Rey non se poña a facer realidade as bonificacións fiscais prometidas e a deseñar novas medidas coas que botarlle a man á xente que leva demasiado tempo agardando á intermperie”. Non nos imos conformar só cun xesto e unha foto.
Segundo o asinado onte, antes do 31 de xaneiro teñen que estar en vigor as rebaixas nas taxas municipais da auga, lixo e saneamento para pemes, micropemes e autónomos na hostalería, o comercio e a cultura: 50% de bonificación mentres haxa restricións sanitarias e 100% cando sexa necesario pechar.
García esixiu, ademais, que se axilicen as axudas de emerxencia para pemes, micropemes e autónomos dentro do chamado Presco, pois levan cinco meses tramitándose e segundo os últimos datos publicados non se pagaron nin o 3%.
“Se o goberno asinou onte un acordo que levaba esquivando desde abril foi pola mobilización social e pola presión dos grupos da oposición. Pola nosa banda, non deixaremos de reclamar que se cumpra e se amplíe, pois o que a cidadanía agarda de nós son solucións, non problemas”, conclúe a portavoz da Marea Atlántica.
Medidas acordadas antes do 31 de xaneiro
- Bonificación do 50% nas taxas da auga, recollida de lixo e saneamento para pemes, micropemes e autónomos da hostalería, o comercio e a cultura mentres existan restricións pola pandemia. Son os tres sectores máis afectados pola crise e hai tempo que precisan axuda. É unha bonificación progresiva, destinada aos pequenos negocios, non ás grandes empresas.
- Esta bonificación aumentará ao 100% cando os negocios se vexan obrigados a pechar por motivos sanitarios. Para cada restrición, unha compensación. Non se lles pode esixir pago por servizos que non están a empregar.
- Mesa de diálogo, con todos os grupos da corporación e os sectores afectados, para avaliar o desenvolvemento do PRESCO e recoller as súas propostas de cara a implantación de novas medidas.
- Axilización urxente das axudas do plan de choque contra a pandemia, o chamado PRESCO. A demora é xa intolerable.
Outras medidas
- Axuda ás familias monoparentais, cunha bonificación do 50% nas taxas da auga e o lixo, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022. O prazo para implantala en 2021 xa pasou, debido á tardanza do goberno municipal en abrir vías de diálogo. Trátase dun colectivo formado nun 81% por mulleres e que merece toda a atención, con políticas adaptadas ás súas necesidades. Este tipo de unidades familiares, conta cun maior risco de exclusión social, pero tamén con notables dificultades de conciliación da vida familiar e laboral.
- Establecemento dunha nova liña de axudas para establecementos afectados polo toque de quedaderivadao do estado de alarma, como salar de concertos, cafés-bares e locais análogos.