Saltar ao contido

Denunciamos as condicións precarias nas que se desenvolve un traballo esencial para as persoas maiores e dependentes, con contratos lixo e soldos baixos 

Esta iniciativa recolle as demandas da Plataforma SAF Galicia e segue os pasos da nosa moción aprobada por unanimidade no Concello da Coruña

 

A Marea Atlántica levará ao Pleno da Deputación Provincial, que se celebra este venres 28 de xaneiro, unha moción que recollle as reivindicacións das traballadoras do Servizo de Atención no Fogar e reclama condicións laborais dignas e un novo convenio colectivo para o sector, tras dez anos sen avances. Deste xeito, recollemos unha iniciativa xa aprobada no Concello da Coruña, por unanimidade, e o sentir das mobilizacións convocadas pola Plataforma SAF Galicia durante o mes de decembro. O obxectivo é recoñecer as tarefas de coidados coma un valor público. 

As traballadoras do SAF, case todas mulleres, prestan un servizo esencial a moitas persoas maiores e dependentes, que precisan apoio para desenvolverse na vida diaria. Un labor que sempre foi imprescindible, pero cuxa importancia veuse resaltada nestes tempos de pandemia. 

Porén, este servizo préstase baixo contratos precarios, soldos preto do mínimo legal, pésimas condicións de xubilación e falta de medios sanitarios para protexer a traballadoras e usuarias. As empregadas do Servizo de Atención no Fogar non actualizaron os salarios nin as condicións laborais desde 2011, tras dez anos sen convenio. E aínda así, mesmo a normativa vixente é sistematicamente incumprido pola patronal. 

A nosa moción tamén subliña “a necesidade de dar resposta as desigualdades de xénero e ao recoñecemento dos coidados como traballo profesional, non coma unha tarefa feminizada”. E reclama que “os coidados sexan entendidos como un valor público, non coma unha responsabilidade individual” pois todas as persoas somos receptoras de coidados, e todas debemos responsabilizarnos. Agardamos que esta iniciativa teña o apoio maioritario do Pleno. 

Levamos tamén á Deputación as reivindicacións laborais das traballadoras do Servizo de Atención no Fogar