Saltar ao contido

O goberno local renunciou á xestión municipal directa destas instalacións en nome dunha suposta maior eficiencia, pero en medio ano nin sequera se rematou a redacción dos pregos

A concelleira Claudia Delso, representante da Marea Atlántica na Comisión de Deportes, puido constatar hoxe a completa falta de avances no contrato que xestionará os polideportivos de San Diego e o Castrillón. Seis meses despois de que se anunciase esta dubidosa fórmula de concesión, nin sequera están redactados os pregos. “Renunciouse á xestión pública directa coa escusa de facilitar e axilizar os trámites, pero vai medio ano e a concesión segue na casilla de saída”, resumiu Delso. 

No caso de San Diego, a demora súmase a case dous anos coa concesión caducada, tras dúas prorrogas do  contrato, e en mans dunha empresa, Sidecu Gestión, que ten denunciado ao concello por discrepancias nas compensacións recibidas durante a pandemia. E que realizou unha pésima xestión das consecuencias da covid, con incumprimentos constantes das súas obrigas

Polo que respecta ao polideportivo do Castrillón, suma meses sen data de apertura, e cunha transferencia de capital a EMVSA pendente desde o mes de decembro de 2020, pese a que o executivo contou con ocasións para remedialo. O barrio agarda desde hai décadas por estas instalacións, que quedaron deseñadas e financiadas no mandato de Xulio Ferreiro. 

Desde a Marea Atlántica xa sinalamos no seu momento que renunciar á xestión municipal directa destes dous polideportivos, recomendada polos propios informes da Área de Deportes e reclamada en varias mocións aprobadas no Pleno, era un erro que ía traer complicacións. Optouse por un modelo máis caro e un peor servizo, ao que hai que sumarlle estes meses de demora.  

A lentitude na xestión destas instalacións deportivas de barrio contrasta coa rapidez coa que se contratou e anunciou o partido amistoso de España-Islandia en Riazor, un evento efémero co esaxerado custo de 363.000 euros que, polo que parece, terán que asumir as arcas públicas. 

Seis meses despois, a xestión dos polideportivos de San Diego e o Castrillón seguen na casilla de saída