Para que nunca máis unha Coruña sen nós.

Na Marea Atlántica sempre dixemos que temos un desexo común, que queremos mandar obedecendo, devolver Marea Pita á veciñanza da Coruña. Agora chegou o momento de converter este desexo de cambio, estes nove meses de ilusión e organización dende abaixo, nun programa de transformación da cidade, con sentido común e con sentido do común.

Levamos traballando dende o comezo en propostas concretas, asumibles, centradas nos principios básicos da Marea (democracia, xustiza social, participación e compromiso ético) e poñendo por diante de todo as persoas, os intereses da maioría social, pero non o consideramos suficiente.

Nós somos 99% e contamos co 99%. Contamos coa xente. E por iso levamos todo este tempo recompilando as demandas das veciñas e veciños a través das mareas sectoriais e de barrio, para traballalas de cara ao programa. De aí saíron algunhas das medidas de goberno que xa fomos anunciando nas últimas semanas.

Pero nunca se consulta o suficiente. Nunca se escoita o suficiente. Así que decidimos abrir estoutro espazo para recoller demandas da cidadanía antes da redacción definitiva do programa electoral, que habemos presentar o 14 de abril.

Trátase dunha ferramenta de código aberto, similar á que implementaron Ahora Madrid ou Ganemos Zaragoza, e permite recibir demandas da cidadanía directamente, sen intermediarios; escoitarmos o que a xente ten que dicir sobre as súas propias propostas e sobre as que a Marea leva tempo traballando.

Do mesmo xeito que o programa electoral que está a elaborar a Marea, organízase en cinco grandes áreas: «Modelo económico e enerxético», «Radicalización democrática», «Xustiza e cohesión social», «Modelo territorial e urbano» e «Cultura, memoria e identidades». Cada unha das áreas engloba varios obxectivos en forma de etiquetas que facilitan a navegación e a interacción entre propostas e persoas.

O seu uso é moi sinxelo e até o 3 de abril permitirá engadir, comentar e votar propostas, tanto positiva como negativamente, o que dará como resultado un material moi valioso para a redacción definitiva do programa electoral.

Trátase dunha iniciativa sen precedentes na cidade, feita coa intención de facilitar a participación de todas e todos ao máximo: nós confiamos na súa utilidade para que o programa da Marea Atlántica sexa realmente o programa da veciñanza da Coruña.