Saltar ao contido

Xan Xove: “Convosco, a Marea é máis. Se sumamos mans, ideas e esforzos, será posible facer da Coruña unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática”

O centro cívico de Monelos acolleu hoxe o acto co que abrimos un proceso de escoita e debate, que se desenvolverá ao longo de dous meses, recollendo propostas e ideas

A Marea Atlántica deu comezo hoxe á elaboración do seu programa electoral participativo cun acto no centro cívico de Monelos, ao que asistiron preto dun cento de persoas, tanto representantes de entidades sociais da cidade como veciñas e veciños a título particular. O noso candidato á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, agradeceu a colaboración de todas as asistentes “porque convosco, a Marea é máis. Convosco será posible facer da Coruña unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática”.

O acto contou coa presenza de Anova e Verdes-Equo, organizacións do noso espazo político que renovaron a súa confianza na Marea Atlántica, e dunha vintena de colectivos da Coruña, que quixeron achegarse a compartir a súa visión da Coruña que queremos chegar a ter dentro de dez anos. A mobilidade e o transporte público, a igualdade, a vivenda, a integración dos peiraos, a falta de zonas verdes e o problema da crise climática estiveron entre as cuestións máis sinaladas durante a mañá

Nesta xornada, empregamos unha aplicación móbil para responder a un breve cuestionario anónimo co que analizar a situación da cidade e definir as prioridades dunha cidade xusta, verde, feminista e democrática. Posteriormente, as persoas asistentes dividíronse en mesas de traballo para desenvolver e debater estas ideas iniciais.

A elaboración do programa participativo da Marea Atlántica continuará durante dous meses, nos que Xan Xove realizará encontros e eventos sectoriais, con diversas entidades e en diversos barrios. “O obxectivo é sumar todas as ideas, todas as mans e todas as voces para facer aínda máis grande esta Marea, e para elaborar un programa social que represente á maioría da xente da Coruña”.

Un modelo de cidade que leva oito anos marcando a axenda

Xove reivindicou que Marea Atlántica conta cun modelo de cidade claro, recoñecible e de futuro, “que leva oito anos a marcar axenda na Coruña, desde o goberno e desde a oposición. Abrimos os debates que rematan sendo sentido común, coma nos peiraos, cuxa compra xa ninguén defende. Ou na cuestión da vivenda, onde o goberno de Inés Rey pasou de negar que exista un problema a recoñecer que é imposible alugar”.

Pero lembrou que “o Partido Socialista tería malgastado quince millóns de euros en mercar solo nos peiraos de non ser pola Marea Atlántica, que fixo valer os seus votos. E fai promesas que incumpre unha e outra vez relacionadas coa vivenda, coa transición ecolóxica ou coa loita contra o machismo. Se queremos que alguén faga algo ao respecto, vai ter que ser a Marea Atlántica a que o faga, coa vosa axuda”.

Un cento de persoas e unha vintena de entidades sociais acompañan á Marea Atlántica no primeiro acto do programa participativo