Xulio Ferreiro censura a cesión de 100.000 metros cadrados de espazo verde en Bens por parte do Concello para a construción do Museo do Automóbil
O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña ve a cesión do terreo no Parque de Bens como exemplo da “nefasta ecuación de poñer os bens de todos e todas ao servizo do interese económico dunha elite”
Na Marea Atlántica pensamos que hai outros terreos na Coruña para localizar un Museo do Automóbil, sen necesidade de ocupar zonas verdes públicas nunha área, como é Bens, e nunha cidade tan necesitadas destes espazos. E o que se proxecta, un mamotreto de cinco andares en solo rústico protexido, non é tampouco o axeitado.
Así o corrobora o noso candidato á alcaldía, Xulio Ferreiro: “Calquera actuación museística pode resultar interesante; pero neste caso o que ocorre é que o Concello cede máis de 100.000 metros cadrados de espazo verde público para un uso que, ademais de ser contrario á natureza dos terreos, inclúe a utilización comercial e privada do solo público, o que parece insistir na nefasta ecuación de poñer os bens de todos e todas ao servizo do interese económico dunha elite”.
Como sinala Ferreiro, este xeito de facer as cousas non é, por desgraza, novo na Coruña: “Polo contrario, é símbolo dun modelo vello e en crise total, como o proba o feito de que esta actuación nace dun convenio asinado en 2009 polo bipartito que encabezaba o PSOE e é agora referendado polo goberno local do PP”. “Contra estas fórmulas que nos levaron á crítica situación na que estamos agora, a Marea Atlántica representa o cambio e o aire novo. A Coruña precisa manter e ampliar as zonas verdes públicas para uso e disfrute da cidadanía, non recortalas e cedelas ao lucro privado. Insistimos en que a construción dun museo -cunha ubicación axeitada- sempre pode ser benvida, pero diferenciámola claramente do feito de que vaia acompañada dun enorme conglomerado con fins comerciais que non está pensado para o beneficio do conxunto da cidade, que é a quen lle pertencen os terreos”, salienta o candidato.
“Dado que coñecemos ben como se fixeron as cousas na nosa cidade nos últimos lustros, desde a Marea Atlántica tamén estamos obrigados a amosar certo escepticismo ante os cantos de serea que acompañan o anuncio dalgunhas infraestruturas fundamentalmente destinadas ao turismo, posto que moitas delas que no seu día foron publicitadas con grandes discursos agora apenas reciben visitas ou directamente están en desuso. E, por suposto, a Marea nunca aprobaría unha medida destas características sen antes escoitar e consultar á cidadanía, ao contrario da forma de proceder que é norma no concello da Coruña na actualidade e desde hai tempo”, adianta Ferreiro.