Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “Fronte ao mutismo de Negreira, a Marea abrirá os plenos ás preguntas e peticións directas da cidadanía” 

O candidato á alcaldía da Marea Atlántica anuncia que unha das primeiras medidas que tomará desde o goberno local será “abrir a institución aos coruñeses e cederlles a palabra no salón de plenos de María Pita”. “Acabouse tratar aos cidadáns como sospeitosos, que é o que levan anos facendo os alcaldes desta cidade”.

Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, desvelou este xoves outra das medidas aprobadas pola plataforma para a súa aplicación nos primeiros 100 días de goberno. “A transparencia e a participación cidadá forman parte irrenunciable da nosa forma de entender a política e farémolas efectivas en todos os niveis, incluído o pleno da corporación municipal, onde implantaremos unha quenda de rogos e preguntas da cidadanía”.

Esta iniciativa súmase a outras xa anunciadas, como “a descentralización da xestión municipal a través dos órganos de participación das xuntas dos distritos ou barrios, que mesmo poderán decidir a que se destinan algunhas partidas de gasto que afecten á súa zona”. “Imos abrir a corporación aos coruñeses e ás coruñesas e cederlles a palabra no Salón de Plenos de María Pita, cunha quenda pública de rogos e preguntas da cidadanía que sería obrigatoria en todos os plenos ordinarios e que terían que ser respondidas por parte do alcalde ao momento ou nos seguintes quince días.

Para aplicar esta medida só é necesario querer facelo e reformar o artigo 8 bis do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá da Coruña, que xa admite rogos e preguntas do público pero restrinxidas ao criterio da presidencia do Pleno, que nos últimos anos nunca foi favorable a este tipo de diálogo coa cidadanía ”, indica Ferreiro. “Na actualidade o señor Negreira evita que, por exemplo, as persoas afectadas polo Ofimático, contrarias ao uso comercial das zonas verdes de Bens ou afectadas pola reforma do mercado de Santa Lucía poidan expresarse nas sesións plenarias. Coa chegada da Marea ao Goberno local esa actitude mudará por completo e os coruñeses e as coruñesas non volverán ser tratados como sospeitosos cando acudan a un pleno, que é o que leva acontecendo nesta cidade varias décadas”, afirma o cabeza de lista da Marea Atlántica, que lembra que “despois dos grandes pasos en participación popular que deu a primeira corporación democrática da Coruña —que mesmo incorporou representantes da sociedade civil ás Comisión de Goberno— chegaron máis de tres décadas nas que os poderes da cidade pecharon as portas do pazo de María Pita na procura da maior impunidade e escurantismo posible respecto a todo o que tivese que ver coa súa xestión. Pero aquela ilusión por participar da vida pública local regresa agora, e con aínda máis forza, da man da Marea Atlántica, que fará da participación e a radicalidade democrática o único modo posible de comportamento institucional”.

Nesa liña, Xulio Ferreiro comparou o “silencio cómplice do señor Negreira” ante os grandes problemas da cidade ou do seu “goberno investigado pola Xustiza” coa súa propia actitude “transparente, aberta ás preguntas dos medios ou da cidadanía en todo momento, como se comproba coa miña presenza semanal a un debate con outras forzas políticas en Radio Coruña ao que o PP se nega a asistir ou no constante intercambio de ideas coa cidadanía por moitos medios, por exemplo na canle dixital que teño aberta na aplicación Ask.fm”.

Foto de Javier Pais

A cidadanía tomará a palabra, tamén no salón de plenos