Saltar ao contido

Cando unha persoa ve limitado este dereito fundamental é toda a sociedade a que se ve afectada. O dano penetra no corazón do sistema

Vivimos nos últimos días alarmantes episodios que comprometen un dereito básico das persoas, claramente recoñecido no noso marco legal e aparentemente integrado no noso día a día: A liberdade de expresión. Hoxe deixou se der monopolio dos medios de comunicación e resulta máis doada ca nunca de exercer por parte da cidadanía. Pero os esforzos para limitala e contela son cada vez máis e máis flagrantes.

Cando unha persoa ve limitado este dereito fundamental é toda a sociedade a que se ve afectada. O dano penetra no corazón do sistema. Como acontece co resto de dereitos. Sabemos que moitas empresas non pasan polos seus mellores momentos e que as dificultades económicas están á orde do día. Pero non poden ser amparo nin pretexto para impedir que os e as profesionais fagan un uso racional e respectuoso dos seus dereitos fundamentais.

Se unimos esta situación coa precariedade e temporalidade con que moitos traballadores e traballadoras desenvolven a súa actividade completamos un panorama moi crítico. A sociedade civil, os homes e mulleres que consumimos información cada día, temos que estar activamente comprometidos para que non se produza ningún retroceso neste ámbito e para non sermos cómplices con ningunha agresión a un dereito tan medular.

Cos dereitos fundamentais hai que estar sempre moi vixiantes. Os medios de comunicación teñen nas sociedades democráticas unha función moi determinante á hora de favorecer unha información rigorosa que sexa un estímulo e unha axuda para profundizarmos nos valores compartidos. Desde as diversas perspectivas ideolóxicas.

En defensa da liberdade de expresión