Saltar ao contido

Manifesto asinado o 7 de marzo de 2018 polos concellos de Santiago de Compostela, Madrid, Barcelona, Cádiz, Zaragoza, Valencia e A Coruña. Reproducímolo integramente polo seu interese.

 

O Goberno español está a piques de aprobar o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Un instrumento fundamental xa que define as prioridades dos próximos 4 anos en materia de vivenda e establece o groso os recursos económicos dos que disporán a maioría de Concellos.

Os gobernos locais somos as administracións máis próximas á cidadanía e, por tanto, as que sufrimos en primeira instancia tanto a falta dun parque público capaz de atender ás persoas que non poden acceder á vivenda a prezos de mercado, como a existencia dunha lexislación que desprotege aos veciños e veciñas que viven de aluguer. Con todo, a nosa opinión non se tivo en conta na elaboración do Plan Estatal.

En concreto, os Concellos de Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña, Cádiz e Santiago de Compostela consideramos imprescindible a adopción das seguintes medidas urxentes que debían introducirse para poder avanzar na protección do dereito á vivenda:

  • Romper coa tendencia actual de recortes de máis de 1.000 millóns en vivenda nos últimos 8 anos. De continuar coa liña actual, as políticas públicas de vivenda desaparecerán en 5 anos. Para reverter a situación, é necesario que o orzamento se incremente desde os 467 millóns actuais ata os 2.000 millóns de euros para o 2018. Ese é o primeiro paso para pasar do 0,059% de investimento actual do PIB a un 1,5% en 10 anos, en converxencia co resto de países europeos referentes en materia de vivenda.
  • Este incremento orzamentario é imprescindible para poder aumentar o parque público de aluguer e situarnos a nivel europeo. Actualmente España só ten o 2,5 % de vivenda a prezo accesible (inclúe VPO pero tamén rendas antigas), un parque insuficiente para cubrir as necesidades da cidadanía, mentres que en Austria teñen o 24% de parque público de protección e o Reino Unido ou Francia ao redor do 17%, entre outros.
    • Medidas de tipo financeiro: que o Instituto de Crédito oficial dispoña de liñas de financiamento específicas para proxectos de vivenda protexida; que desde o Goberno se de apoio técnico e financeiro para solicitar financiamento e axudas europeas; que se estableza un estudo sobre sistemas de financiamento de vivenda pública, social e alcanzable para conseguir a converxencia europea.
    • Potenciar novos modelos: establecer un marco legal para impulsar outros modelos como son o dereito de superficie en cesión de uso que garante a propiedade pública do chan.
  • Impedir a especulación coa vivenda pública de compra. Para iso hai que asegurar que a propiedade do chan sexa sempre pública e non pase, ao cabo dos anos, a mans privadas.
  • Obrigar a que a SAREB e entidades financeiras rescatadas con fondos públicos incorporen inmobles baleiros ao fondo de vivendas para aluguer social. No actual redactado do Plan, as achegas son voluntarias e isto xa se demostrou ineficaz.
  • As axudas á rehabilitación deben priorizar ao pequeno propietario con escasos recursos económicos por diante do gran propietario e han de prever medidas para que as melloras que se realizan con fondos públicos non poidan repercutir nun aumento excesivo do contrato de aluguer que expulse aos veciños e veciñas.

Como administracións públicas de proximidade, que vivimos a problemática da vivenda día a día, sabemos que a política de vivenda, vai máis aló dos instrumentos do Plan. É por iso que tamén consideramos imprescindibles reformas no marco xeral normativo que non se recollen no Plan Estatal:

  • Normativas que protexan aos inquilinos: por iso é necesario a modificación da Lei de Arrendamentos Urbanos que permita alongar a duración dos contratos e impida un aumento indiscriminado dos prezos do aluguer.
  • Unha fiscalidade que acabe coa especulación da vivenda:
    • Por unha banda, acabar cos beneficios fiscais das SOCIMIS: estas empresas repercuten negativamente a nivel social no mercado de aluguer e teñen unhas ganancias que superan os 5.000 millóns de euros grazas a excepcións de tributos e bonificacións fiscais.
    • Eliminar as ‘Golden Visa’, é dicir, a obtención do permiso de residencia a cambio da compra de pisos de 500.000€ por parte de persoas estranxeiras.
    • Penalizar fiscalmente a compra de vivenda habitual por parte de persoas ou entidades estranxeiras non residentes.

Os concellos nin aprobamos leis, nin podemos impulsar impostos que penalicen a especulación inmobiliaria. Con todo, somos as administracións máis afectadas pola ausencia de políticas estatais orientadas a cumprir co mandato constitucional de protexer o dereito a unha vivenda digna e de acabar coa especulación. É por iso que solicitamos ao goberno do Partido Popular e ao resto de grupos parlamentarios que se impulsen as medidas citadas.

Cidades polo dereito á vivenda