Saltar ao contido

O 8 de marzo de 2018 foi unha data histórica, no que millóns de persoas saíron á rúa contra o machismo, polo dereito das mulleres a vivir libres, iguais e sen medo

photo_2018-03-08_19-27-53Houbo un día no que as mulleres paramos o mundo. Foi o 8 de marzo de 2018, unha xornada de folga feminista na que as mobilizacións superando todas as expectativas. Máis de 33.000 persoas saíron á rúa na Coruña para secundar a convocatoria, ducias de milleiros en toda Galicia, millóns en todo o mundo, desbordando siglas de partidos, sindicatos e colectivos.

As palabras, e mesmo as imaxes, quedan curtas para describir o que foi este 8M, un sentir de ledicia e ilusión, de carraxe contra o machismo, de fartura por tantos séculos de abusos silenciados contra as mulleres. Neste 8 de marzo empurramos contra os teitos de cristal, mapeamos a brecha salarial, sacamos á luz o acoso e a violencia. Berramos polo noso dereito a vivir libres, iguais e sen medo.

Foi unha data de diagnóstico unánime dos problemas que nos afectan a todas as mulleres, que somos diversas,  pero padecemos as mesmas violencias e recoñecémonos nas mesmas inxustizas. Agora é o momento de traballar con máis e mellor feminismo, para corrixir todos estes problemas, desterrar o machismo e acadar a igualdade real. Hai que facelo no conxunto da sociedade, pero tamén dentro das organizacións políticas como a propia Marea Atlántica. Agora xa nunca poderemos quitar os lentes violeta.

8 de marzo, o día no que as mulleres paramos o mundo