A candidatura seguirase a ampliar nos próximos días e incorpora xa a Mariló Candedo, pedagoga e membro do equipo reitoral da UDC; Araceli Serantes, docente universitaria e referente na educación ambiental; Iván Núñez, ex-deportista e adestrador; Gema Rivera, sanitaria e responsable de Anova na Coruña; e Txemi Jiménez, arquitecto técnico e representante de Verdes-Equo
Xan Xove: “Sumamos cinco persoas que representan o traballo, os compromisos e as alianzas da Marea Atlántica cara as eleccións nas que volveremos ao goberno municipal”
A Rede da Marea Atlántica aprobou onte a primeira ampliación da candidatura electoral da plataforma municipalista, encabezada por Xan Xove, e que agora conta con cinco nomes novos: Mariló Candedo, pedagoga e parte do equipo reitoral da Universidade da Coruña; Araceli Serantes, profesora doutora da UDC e un referente no ecoloxismo galego; Iván Núñez, adestrador e formador de deportistas, campión de España e récord de Galicia en lanzamento de peso; Gema Rivera, enfermeira xubilada e responsable de Anova na Coruña; e Txemi Jiménez, arquitecto técnico e representante de Verdes-Equo.
Xan Xove, candidato á Alcaldía, agradeceulles a súa xenerosidade e sinalou que “é un orgullo ter ao meu carón a xente coma Mariló, Araceli, Gema, Iván e Txemi, que representan o traballo, o compromiso e as alianzas que caracterizan o municipalismo na Coruña. Faltan 60 días para as eleccións nas que a Marea Atlántica volverá ao goberno da Coruña, e con elas estamos máis preto de conseguilo”.
Todos estes nomes súmanse aos das dez primeiras persoas da lista, que foron elixidas en primarias no mes de novembro. A candidatura irase completando nas próximas semanas ata acadar os 27 postos necesarios para a papeleta electoral. A orde definitiva darase a coñecer posteriormente.
As cinco novas integrantes da lista da Marea Atlántica
- Mariló Candedo: Pedagoga e profesora da Universidade da Coruña, onde é hoxe adxunta do reitor para a Coordinación e Relacións Institucionais, e onde leva trinta e cinco anos combinando docencia e xestión. Implicada nos movementos en defensa da educación pública, da lingua galega e da innovación educativa, é tamén parte activa do colectivo pola Renda Básica Universal.
- Araceli Serantes ‘Boli’: Profesora da Universidade da Coruña e doutora en Innovación e Investigación Educativa, especializada en educación ambiental, e activista na protección da natureza. Forma parte de grupos de investigación estatais e internacionais, relacionados coa difusión dos valores de protección do planeta e a xustiza climática, o uso público das áreas naturais protexidas, cooperación internacional e participación cidadá, entre outras cuestións.
- Iván Núñez: É adestrador de atletismo e formador, e chegou a ser campión de España e récord de Galicia en lanzamento de peso. Moi coñecido no mundo do deporte, foi coordinador del Club Atletismo Coruña e xerente da Asociación Española de Deporte para Todos, así como adestrador de atletas de nivel nacional en probas de velocidade e valados.
- Gema Rivera: Enfermeira xubilada, tras máis de 40 anos de traballo na sanidade pública no CHUAC e no Centro de Saúde de Elviña. Responsable de Anova na Coruña, foi unha das primeiras 99 asinantes do Manifesto da Marea Atlántica. Pertence á plataforma SOS Sanidade Pública, foi representante sindical da CIG na Xunta de Persoal do CHUAC. Filla e neta de xente mariñeira.
- Txemi Jiménez: Naceu en Vitoria-Gasteiz e vive na Coruña desde hai vinte anos. É representantes de Verdes-Equo na cidade, arquitecto técnico e profesor de FP na rede de centros públicos da Xunta. Activista incansable polo ecoloxismo e a mobilidade sostible, é socio de Greenpeace e participa na Plataforma en defensa do Tren A Coruña e As Mariñas. Tamén é membro fundador e actual presidente da Asociación Cultural Canta Compaña.