Xan Xove: “Percibimos grande interese e vontade de colaborar con esta nova liña de medidas fronte aos locais baleiros. O goberno debería aproveitar para executalas con rapidez e eficacia”
Nada se sabe da preinscrición de actividades no polideportivo do Castrillón, que debería ter comezado en outubro: preguntaremos no Pleno
Xan Xove, o candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, mantivo esta semana un encontro coa Asociación Veciñal do Castrillón, no marco dunha visita ao barrio na que estivo acompañado pola nosa voceira municipal, María García, o vicevoceiro Iago Martínez, e a número 4 da candidatura, Chiqui García. Comezaron así unha rolda de entrevistas con entidades veciñais, empresariais e do comercio para presentarlles o programa Mover os baixos, aprobado definitivamente este luns e que destina tres millóns a afrontar o problema dos baixos comerciais baleiros.
Tras o encontro, Xan Xove salientou que “percibimos moito interese nas propostas para mover os baixos, tanto a bolsa de alugueio coma a nova liña de axudas ao comercio de barrio e a compra de locais por parte do Concello. Desde a veciñanza hai disposición a colaborar, que o goberno local debería aproveitar para facer o seu traballo e executar o programa con rapidez e con fidelidade a como foi deseñado”.
Nesta visita tamén falamos coa AVV do Castrillón da situación e as necesidades do barrio, e trasladáronnos a súa preocupación polo avance dos traballos necesarios para inagurar o polideportivo o 27 de decembro, tal e como prometeu o goberno local. Aínda non se sabe nada da preinscripción para as actividades, que debería ter comezado en outubro. Presentaremos preguntas no Pleno do mes de decembro para coñecer os motivos desta demora .