Estamos a piques de dar un pequeno paso de xigante de cara ás eleccións municipais de maio de 2015. O venres próximo, 9 de xaneiro, comeza no IES Elviña a Marea Viva, un foro de cinco semanas previo á convocatoria das nosas primarias e á conformación da candidatura coa que nos presentaremos aos comicios para gañar e poñer as institucións ao servizo da maioría social.

Durante a Marea Viva dotarémonos, de maneira democrática e logo dun profundo debate, de catro ferramentas básicas para presentarnos ás eleccións: o sistema de primarias co que confeccionaremos a nosa lista, a metodoloxía para a elaboración participativa do programa electoral, o código ético que asumirán os nosos cargos electos e a forma xurídica coa que concorreremos finalmente aos comicios de maio de 2015.

Aberta á cidadanía, previa inscrición no formulario que tes máis abaixo, a Marea Viva consta de tres partes. A primeira, chamada Marea Baixa, é a que ten lugar a vindeira fin de semana, de venres a domingo, e está dedicada á reflexión e ao debate. Na segunda, Entre Mareas, a máis longa, presentaranse propostas para cada unha das áreas de debate. Finalmente, na Marea Alta, na fin de semana do 6 ao 8 de febreiro, votaremos as propostas definitivas. A partir de aí xa estaremos en disposición de convocar as primarias e armar o programa electoral co que nos propoñemos transformar A Coruña.

A Marea Baixa componse de coloquios, obradoiros e plenarios que, ao longo da fin de semana vindeira, pretenden afondar nas cuestións sobre as que se van tomar decisións a curto prazo. Participarán expertas e expertos, convidados e convidadas doutras iniciativas municipalistas de todo o estado, cidadáns e cidadás activas no día a día da Marea Atlántica e representantes de todas as forzas políticas que, a tal hora, están a apoiar o proceso dende abaixo, a través do traballo, a título estritamente individual, dos seus militantes e das súas militantes.

Nas próximas horas faremos público o regulamento de participación e o programa completo destas xornadas, que comezan o venres 9 de xaneiro ás 17.30 no salón de actos do IES Elviña cun acto de presentación e un coloquio. Participa!