Saltar ao contido

Urximos o goberno local a constituír a comisión para estudar a municipalización de toda a rede de bibliotecas, cos grupos da oposición e co Comité de Empresa, pendente desde outubro

“A municipalización é agora máis doada ca nunca. E ata o último día de mandato, a Marea Atlántica estará disposta a votar a favor para aprobala. Non imos deixar de facer o correcto por intereses electoralistas”, declara o noso candidato á alcaldía

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, e o noso vicevoceiro municipal, Iago Martínez, mantiveron hoxe un encontro con representantes do Comité de Empresa das bibliotecas municipais de xestión privada, e puideron constatar que unha parte do persoal ten pendentes de cobro vacacións do ano 2022. O traspaso da xestión dunha empresa privada a outra non resolveu o problema, xa que ambas pasan a pelota entre si mentres o executivo local elude as súas responsabilidades.

“O goberno municipal prometera resolver o problema do impago de salarios nas bibliotecas, e apostou pola solución de traspasar o contrato, unha solución que estamos a ver que non foi abonda. Agora non poden mirar para outro lado, o goberno é responsable do servizo e ten que facerse cargo de que as traballadoras cobren todo o que se lles adebeda”, sinalou Xan Xove.

E engadiu que tampouco puxeron en marcha aínda a comisión para estudar a remunicipalización de todo o servizo, unha proposta que o PSOE apoiou no Pleno de outubro e na que o comité de empresa debe estar presente desde o primeiro día. Cantos meses precisa Inés Rey para cumprir a súa palabra?

No Pleno do 13 de outubro, o PSOE pactou coa Marea Atlántica crear unha comisión con presenza dos grupos da Corporación e das representantes sindicais das traballadoras, na que estudar a remunicipalización de todo o servizo de bibliotecas. Pasaron catro meses e o goberno local nin sequera pediu a designación de representantes, a pesar de que María García reclamoullo á alcaldesa nunha carta rexistrada o 19 de outubro, designando a Iago Martínez como representante da Marea Atlántica neste futuro órgano.

A municipalización é hoxe máis doada ca nunca

“Pór en marcha a remunicipalización é agora máis doado ca nunca —explica Xan Xove—, o groso do traballo técnico xa se fixo no goberno de Xulio Ferreiro. Ademais, o Tribunal Supremo respaldou a subrogación da plantilla na súa sentenza sobre a remunicipalización do servizo de axuda no fogar de Pamplona, en febreiro de 2022, e Inés Rey pode contar, ata o último día de mandato, cos votos da Marea Atlántica. Non nos vai tremer a man, non imos deixar de facer o correcto por intereses electoralistas”, engadiu o candidato á Alcaldía.

A rede de bibliotecas municipais conta con tres centros de xestión pública, nos que nunca houbo problemas para cobrar o soldo, e seis centros de xestión privada, nos que as traballadoras seguen pendentes de impagos desde o ano pasado: Centro  Ágora, Fórum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosales, Infantil e Xuvenil e o punto de lectura de Novo Mesoiro. É o momento de apostar pola remunicipalización de todos os centros e rematar con esta inxusta dualidade creada por un goberno do PSOE.

Xan Xove: “As traballadoras das bibliotecas municipais seguen tendo vacacións sen cobrar desde decembro. O goberno local non pode mirar para outro lado”