Xan Xove: “Non ten sentido tratar residuos perigosos a carón de dúas praias, un club náutico e os bancos marisqueiros da ría do Burgo. Hai espazos máis axeitados nos peiraos”
Calquera vertedura de aceites ou hidrocarburos, accidental ou neglixente, tería un enorme impacto ecolóxico e económico. A empresa Limpoil xa foi sancionada no pasado por mala praxe
A Marea Atlántica rexistrou nos últimos días un recurso de alzada para deixar sen efecto a autorización da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para a empresa Limpoil, que xestiona no peirao de Oza unha planta de tratamento de residuos dos barcos, ao carón de praias, das instalacións deportivas do Club ‘O Puntal’, da Ría do Burgo e de toda unha diversidade de bancos marisqueiros dos que dependen ducias de postos de traballo. Os residuos a tratar serán, ante todo, restos de cru dos petroleiros e de aceites das sentinas dos barcos, considerados “perigosos” pola normativa en vigor.
“A planta dará servizo obrigatorio, un porto activo coma ao da Coruña precisa unha instalación para recoller este tipo de residuos, pero a escolla da súa ubicación é moi desafortunada. Hai espazos máis axeitados nos peiraos interiores, a maior distancia de zonas sensibles. En Oza conflúen o uso público, a produción marisqueira e a riqueza ecolóxica da Ría do Burgo, que xusto está en proceso de dragaxe para ampliar a sua capacidade produtiva”, explica Xan Xove, o candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña.
Un fallo técnico ou humano que provocase un derrame de aceite ou hidrocarburos en Oza tería consecuencias moi negativas, no ecolóxico e no económico. E precisamente a empresa responsable desta futura planta, Limpoil, ten antecedentes preocupantes por reiteradas verteduras de aceite á ría que motivaron sancións da Autoridade Portuaria entre 2002 e 2009 por “neglixencia grave”.
Como se lembra no noso recurso, as instalacións estarán a menos de 400 metros da praia de Oza, que en 2018 recuperou a Bandeira Azul e unha calidade das augas excelente, grazas ao programa de vertido cero do goberno de Xulio Ferreiro, e a menos dun quilómetro da praia de Santa Cristina. Sitúase, tamén, ao carón das instalacións de náutica deportiva do Club ‘O Puntal’. E xusto na boca da Ría do Burgo e os seus bancos marisqueiros, que se atopan xusto en proceso de dragado para recuperar a súa capacidade produtiva. Non ten sentido poñer en risco estes usos.
Unha demanda da veciñanza e dos colectivos ecoloxistas
Demos traslado deste recurso a diversos colectivos ecoloxistas, e á Asociación Veciñal de Oza, a Gaiteira e os Castros, “que está farta de ver como se degrada o bordo litoral do barrio”, como sinala Xan Xove. Primeiro perderon a praia do Lazareto, logo os recheos con lodos que contiñan sustancias nocivas para a saúde, as descargas de carbón que durante anos deterioraron a calidade do aire (ata a instalación da Medusa) e toda unha serie de vertidos de aceite e gasóleo froito de neglixencias e accidentes.
Por todos estes motivos, no último Pleno do Concello da Coruña presentamos unha moción denunciando os riscos da planta de tratamento de aceites en Oza, e instando ao goberno a presentar un recurso de alzada ante a Xunta. A moción foi aprobada por todos os grupos agás o PP pero o goberno local, como adoita, non cumpriu o acordo, polo que rexistramos este recurso directamente desde a a Marea Atlántica.
“Entendemos que as actividades industriais e potencialmente contaminantes dos peiraos teñen que trasladarse a outras zonas que non estean en contacto co uso público, por iso instamos á Xunta a reconsiderar a autorización a Limpoil. Pero tamén á Autoridade Portuaria a que se implique en buscar unha nova ubicación”, conclúe o noso candidato á Alcaldía.