Non tería sentido crear dous sistemas de préstamo de bicis incompatibles en dous concellos limítrofes e unidos por milleiros de desprazamentos diarios
Confírmase a necesidade de contar cunha autoridade única para organizar o transporte metropolitano, unha iniciativa impulsada pola Marea en 2018
A Marea Atlántica rexistrou esta semana unha batería de preguntas dirixidas ao goberno local para coñecer se ten prevista algún tipo de xestión para coordinar BiciCoruña co futuro servizo de préstamo público de bicicletas anunciado polo Concello de Arteixo, que actualmente está a licitarse.
O proxecto arteixán, polo que pode consultarse no perfil do contratante, está financiado con fondos europeos Next Generation e prevé instalar bases en percorridos habituais para conectar este concello co da Coruña, e mesmo en zonas limítrofes. Pero, a pesar da clara necesidade de perspectiva interurbana, non está previsto que sexa compatible nin que se integre con BiciCoruña.
En oportunidades coma esta debería expresarse a vontade metropolitana, coas institucións cooperando para vertebrar A Coruña real e facilitarlles a vida aos seus 400.000 habitantes, en lugar de reforzar límites administrativos artificiais. Por iso, instamos ao goberno local a procurar á cooperación con Arteixo.
Un modelo de transporte para 400.000 habitantes
Nestes casos demóstrase, ademais, a necesidade dunha autoridade única de transporte na Coruña metropolitana, unha iniciativa impulsada por Xulio Ferreiro e apoiada por todas as alcaldías da área en 2018. A proposta foi apoiada por Inés Rey en declaracións públicas e, recentemente, o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, demandoulle á Xunta e ao Concello da Coruña que a retomasen.
Desde a Marea Atlántica rexistramos varias preguntas para que o goberno local explique as xestións que levou a cabo ata o momento ou ten previstas a prol desta autoridade única de transporte, que non só regularía os autobuses, senón tamén sistemas como o de préstamo de bicis. Polo de agora, non se coñece ningunha iniciativa ou estudo técnico novo.