Saltar ao contido

A creación dun acceso peonil a Calvo Sotelo e a celebración do (S8) en Batería amosan que non fan falla máis trámites nin malgastar 15 millóns do Concello para que os peiraos se integren na cidade

O marco dos convenios de 2004 está completamente superado. É o momento de deixalos atrás, comezando pola condonación dunha débeda que raia na usura

A Marea Atlántica saúda como unha boa nova os últimos anuncios relacionados co porto interior da Coruña, como son o proxecto dun acceso peonil ao peirao de Calvo Sotelo pola praza de Ourense e o uso dunha nave no peirao de Batería para acoller parte da programación da (S8) Mostra de Cinema Periférico. Son novas probas de que os terreos portuarios xa poden ter un uso público e cidadán, sen necesidade de novos trámites e sen hipotecar 15 millóns de euros dos Orzamentos Municipais que estarían moito mellor investidos nos barrios.

Como xa amosaran a exposición do fotógrafo Peter Lindbergh e os concertos organizados nos últimos meses, non é preciso desafectar nin enaxenar os peiraos. E, desde logo, non é preciso que unha institución pública pague para mercar uns terreos que xa son públicos. O único preciso é a vontade política de integralos na cidade, de recuperar o bordo litoral. Por iso instamos ao goberno local a recuperar os consensos dos últimos anos e traballar para conseguilo.

O mapa que Francisco Vázquez, Alberto Núñez Feijóo e Francisco Álvarez Cascos pintaron cos convenios de 2004 (e que se incorporou ao PXOM en 2013) están completamente superados na realidade, e chegou o momento de deixalos atrás. Comezando pola derrogación da inmensa débeda da Autoridade Portuaria con Puertos del Estado, que lastra o seu normal funcionamento, en condicións practicamente usureiras.

O único realista é condonar a débeda

Pode facerse, e facelo é o único realista, como se levou a cabo en Valencia. Lembremos que seis de cada dez euros que perde o Porto da Coruña van a pagar os intereses da débeda co Estado, dez veces superiores aos que lle cobra o Banco Europeo de Investimentos por un préstamo similar. Ao igual que no uso dos peiraos, rachar esta situación inxusta é cuestión de vontade política.

Os últimos anuncios da Autoridade Portuaria volven demostrar que os peiraos xa poden ter uso público