O cabeza de lista da Marea Atlántica comprometeuse a colaborar coa Asociación Empresarial de Agrela nesta ambiciosa actualización da mobilidade no parque, lugar de traballo de máis de 20.000 persoas
“Agrela xa non é un polígono industrial, o seu uso mudou cara ao sector terciario, e precisa integrarse mellor na cidade”, resume o candidato á Alcaldía
Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, reuniuse coa presidenta da Asociación Empresarial de Agrela, Teresa Firvida, para coñecer de primeira man a súa situación actual e necesidades. Alí, asumiu o compromiso de renovar dun xeito integral e ambicioso a mobilidade deste parque no que 550 empresas dan emprego a máis de 20.000 persoas.
“Temos que combinar transporte público, percorridos seguros a pé e aparcamentos disuasorios para facilitar o acceso da clientela. Farémolo a partir de 2024, tras o remate da concesión do bus, e cunha nova empresa municipal de transportes que traballe man a man coa entidade xestora de Agrela”, explica Xove tras a visita, na que tamén participaron a nosa voceira municipal, María García, e o noso ex-concelleiro de Emprego, Alberto Lema.
“Agrela xa non pode considerarse un polígono industrial, foi derivando cos anos cara o sector terciario e o seu perfil agora é o dun parque empresarial lindeiro cun barrio residencial. As necesidades de mobilidade son moi distintas do que eran en 1963, cando se creou, e imos darlles resposta a partir do 28 de maio, desde o goberno da Coruña”, resume o noso cabeza de lista.
Un parque que, ademais, está xa moi integrado na cidade e dentro do cal moita xente consume e fai vida, polo que é preciso garantir percorridos seguros, espazos verdes e unha conexión máis permeable coa Avenida de Fisterra, a Rolda de Outeiro e Avenida de Arteixo, facilitando moverse a pé ou en bicicleta polo seu interior.
Agrela, ademais, precisa entenderse coma unha infraestrutura metropolitana, xa que recibe cada día a milleiros de persoas dos concellos veciños, especialmente de Cambre, Culleredo e Arteixo, en desprazamentos laborais e comerciais. Isto esixe ter en conta o transporte público e as conexións interurbanas á hora de planificar este cambio na mobilidade, especialmente as do transporte público.
Para rematar. Xan Xove fará cumprir as condicións do contrato de limpeza deseñado pola Marea Atlántica, que destina medios específicos para o parque empresarial de Agrela, pero que segundo puidemos constatar nesta visita, non están a aplicarse satisfactoriamente. O goberno de Inés Rey abdicou totalmente de supervisar o traballo da empresa concesionaria de limpeza viaria, que continúa percibindo a súa remuneración íntegra malia as deficiencias do servizo que presta.