Saltar ao contido

Nin o porto, nin o cárcere da Torre, nin Alfonso Molina, nin o tren de proximidade, nin ningún dos proxectos pendentes do Estado tiveron lugar nesa conversa

Seleccionar a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial depende dunha concorrencia competitiva, non da vontade do presidente

 

A voceira Municipal da Marea Atlántica, María García, considera que a presenza de Pedro Sánchez na Coruña, con motivo do cumio hispano-alemán celebrado onte, e o seu encontro coa alcaldesa Inés Rey deixa “un balance moi pobre en canto a compromisos coa cidade, e queda nun mero arranxo floral das rúas do centro”. 

García lamenta que, segundo recoñece a propia rexedora, non se falou de ningún dos grandes temas que o Estado ten pendentes na Coruña. O futuro da fachada marítima e a condonación da débeda portuaria nin apareceron na conversa. Tampouco a humanización de Alfonso Molina, un proxecto que leva seis anos redactado e pendente de licitación, nin a devolución e rehabilitación do cárcere da Torre, nin a mellora das conexións ferroviarias con Ferrol, Lugo e o tren de cercanías. 

O único contido dese encontro que tivo algo que ver coa cidade foi a candidatura para acoller a sede da futura Axencia Española de Intelixencia Artificial, algo a valorar e que temos defendido desde a Marea Atlántica, pero que ben podía terse resolto nunha chamada de teléfono e, sobre todo, porque agora xa se sabe é unha convocatoria aberta por concorrencia competitiva, que non depende da recomendación persoal de Pedro Sánchez.

“Vistos os resultados, o encontro entre a alcaldesa e o presidente semella que só foi unha escenificación destinada a que Inés Rey gañe puntos para paliar a súa falta de peso político no PSOE. Pero o mellor xeito de demostralo non é cunha foto, senón con proxectos e investimentos que teñan o seu reflexo nos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023”, sostén María García.

María García: “O encontro entre Inés Rey e Pedro Sánchez deixa un balance moi pobre en canto a compromisos coa cidade da Coruña”