Saltar ao contido

Xan Xove: “Non queremos que o programa sexa un folleto para as próximas eleccións, queremos un modelo de cidade para os vindeiros dez anos, que dea respostas reais aos problemas actuais. Para unha Coruña máis xusta, verde, democrática e feminista”

Comezaremos o sábado 4 de febreiro, ás 11 da mañá, cun acto aberto no centro cívico de Monelos, ao que foron convidadas as entidades sociais e as organizacións do noso espazo político

O candidato á alcaldía da Marea Atlántica, Xan Xove, e a voceira municipal da organización, María García, presentaron hoxe en rolda de prensa o proceso de elaboración do programa participativo, coa intención de ir máis alá do mes de maio e “non presentar un folleto para as próximas eleccións, senón un modelo de cidade para a vindeira década”, tal e como explicou Xove. Este proceso comezará o sábado 4 de febreiro, ás 11 da mañá, cun acto aberto no centro cívico de Monelos, e continuará nas vindeiras semanas en diversos encontros pola cidade.

Ao primeiro acto público de escoita, debate e reflexión está convidada toda a veciñanza, así como as entidades socias, veciñais, culturais e deportivas, os sindicatos e todas as organizacións políticas do noso espazo. “Esta ten que ser unha conversa para sumar todas as voces e mans posibles, co obxectivo de traballar por unha Coruña máis xusta, máis verde, máis feminista e máis democrática”, resumiu o candidato á Alcaldía.

María García engadiu que “o obxectivo será presentar un programa que dea resposta aos principais problemas, nun momento no que as solucións vellas son cada vez máis vellas”. Atender á vivenda, a crise enerxética e climática, os coidados e o investimento nos barrios, entre outras cuestións, serán prioridade.

A Coruña máis xusta, verde, feminista e democrática

Sobre eses catro eixes, na procura dunha cidade máis xusta, máis verde, máis democrática e máis feminista, o acto do 4 de febreiro e os que virán son o punto de partida para un proceso amplo e plural, que aspira a levar a máis o modelo de cidade da Marea Atlántica.

Como declarou Xan Xove, “somos a forza política que defendeu a recuperación dos peiraos, que puxo en marcha a Renda Social Municipal, que impulsou políticas de vivenda e saúde mental, que fomenta a soberanía enerxética da cidade, que deseñou o programa Mover os Baixos… e nese camiño queremos seguir avanzando, porque a Marea é máis, e todas as persoas e organizacións que compartan esa visión son benvidas a sumar ideas e esforzos”.

Mirar cara o futuro, non para o embigo

En contraste, María García lamentou que “estamos a seis días de entrar en febreiro e a cidade segue sen orzamentos, cunha alcaldesa que nin sequera puxo en marcha un modificativo para garantir os convenios coas entidades sociais, e non respondeu a unha soa das 10 propostas que lle fixemos para comezar a negociar”.

A nosa voceira sinalou que “o  mandato parece encamiñarse cara a un mal final, con Inés Rey á cabeza dun goberno minguante, roto e sen proxecto, incapaz de responder aos retos da cidade”. Fronte a iso, “non é o momento de mirarse o embigo e xogar ás cadeiras. É o momento de mira cara adiante e ofrecer propostas, un horizonte para a Coruña do futuro. E iso comezaremos a facer este 4 de febreiro, no Centro Cívico de Monelos”.

 

 

A Marea Atlántica comeza o sábado 4 de febreiro en Monelos un proceso para “sumar mans e ideas” ao seu programa electoral participativo