Procuraremos apoio á reforma da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva, e reclamámoslle ao Estado que implante medidas para impedir protocolos antiabortistas coma o de Castela e León
Silvia Cameán: “Os dereitos afectivos e sexuais das mulleres foron unha conquista do movemento feminista, e debemos reivindicalos fronte a calquera retroceso”
O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno unha moción en defensa do dereito aborto, así como de todos os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, recoñecidos como tales na Carta de Dereitos Humanos da Unión Europea. Por iso, tamén rexeitamos calquera intento de limitalos coma o que tentou poñer en marcha hai pouco o goberno de Castela e León. “Estes dereitos foron unha conquista do movemento feminista e recentemente foron recoñecidos na lexislación, por iso temos que seguilos reivindicando, para evitar calquera retroceso”, sinala a concelleira Silvia Cameán.
Así, a nosa iniciativa insta a apoiar o contido da reforma da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e os novos dereitos e garantías que consagra para as mulleres, por ser unha “conquista dos dereitos democráticos”, e a reclamarlle ao goberno local da Coruña a organizar campañas informativas que expliquen e divulguen estes cambios normativos, para que a veciñanza sexa consciente de como exercelos.
Do mesmo xeito, instamos ao goberno do Estado a implantar as medidas necesarias para evitar a existencia de calquera protocolo antiabortista que limite os dereitos das mulleres, evitando que se repita o que intentou facer a ultradereita este mes desde o goberno de Castela e León, co apoio do PP.
Ademais, con esta iniciativa queremos esixirlle ao goberno da Xunta de Galicia que non se esqueza da súa obriga de garantir no Sergas os dereitos das mulleres a decidir sobre o seu corpo e os seus afectos, en toda a súa dimensión, e que reforce as políticas públicas de Igualdade O mesmo que debería facer o executivo de Inés Rey, dando cumprimento ás mocións aprobadas no Pleno a este respecto.