Introdúcense novas garantías, aceléranse a gratuidade das escolas infantís e o operador enerxético e pactaranse novas reformas fiscais, en clave verde e de xustiza social, no primeiro trimestre deste ano

O grupo municipal da Marea Atlántica confirma o seu voto favorable ao proxecto dos Orzamentos 2020 do Concello da Coruña tras resolver as dúbidas e contratempos xurdidos nos últimos días con novas garantías de cumprimento dos acordos asinados co Partido Socialista, tanto os relativos ás contas municipais como os do inicio do mandato.

Deste xeito, comprometémonos a traballar durante o primeiro trimestre deste ano en novas reformas fiscais para reforzar a loita contra a emerxencia climática e a xustiza social na Coruña. E establécense mecanismos para continuar supervisando o desenvolvemento das medidas pactadas.

Unha vez detectado na revisión do orzamento que a reforma do rocódromo de Riazor tiña reservados menos fondos do acordado (270.000 euros en dúas anualidades), resolverase mañá a través dunha corrección de erros. No caso do IMCE, aprobarase un modificativo do seu orzamento este mesmo mes.

O texto deste novo acordo, que complementa o asinado o 23 de decembro, pode consultarse aquí.