Saltar ao contido

Abstivémonos ao votar o proxecto orzamentario na Comisión de Facenda, ante un rocambolesco “erro” que lle roubaba ao Pleno competencias de control 

A este problema súmase ao intento de ocultar unha suba do 3% do IBI e ao o incumprimento do acordado nos Orzamentos do IMCE, polo que vemos necesario retomar as conversas

O grupo municipal da Marea Atlántica abstívose hoxe na Comisión de Facenda á hora de votar o proxecto de Orzamentos 2020 do Concello da Coruña, logo de detectar un rocambolesco cambio nas bases de execución, que lle restaba capacidade ao Pleno para decidir sobre modificacións no orzamento e que se suma a unha serie de irregularidades e incumprimentos do acordo orzamentario asinado o 23 de decembro. Inicialmente solicitamos a retirada do asunto, pero a modificación foi arranxado mediante un trámite de corrección de erros. Para evitar que este tipo de problemas se repitan, solicitamos unha xuntanza co goberno local para revisar a fondo a documentación e garantir que cumpre o pactado.

O mantemento das competencias do Pleno formou parte da negociación dos Orzamentos entre a Marea Atlántica e o PSOE, e respectouse no borrador das bases de execución que se manexou nas conversas previas. Porén, a versión aprobada na Xunta de Goberno do 27 de decembro introducía un cambio importante, sinalado tamén no informe do interventor: “Elimínase a competencia plenaria para as transferencias de crédito entre diferentes capítulos, mantendo exclusivamente a competencia para as modificacións entre diferentes áreas de gasto”. É dicir, permitía ao goberno mover fondos entre capítulos sen pasar polo Pleno.

É necesario reforzar a confianza

O cambio foi explicado como un simple erro por parte do concelleiro de Facenda, o que deixa dúas únicas opcións. Ou foi unha escusa para xustificar un cambiazo frustrado, ou foi unha irresponsabilidade que demostra que ningún membro do goberno leu o informe da Intervención municipal. Ningunha das dúas opcións contribúe a xerar confianza.

A este episodio súmase a suba do 3% do Imposto de Bens Inmobles a través dun catastrazo e o feito de que os Orzamentos do IMCE non respectasen o acordado, motivos que tamén explican a abstención hoxe na Comisión de Facenda. Agardamos que nun vindeiro encontro sexa posible despexar estas dúbidas e comprobar que o goberno do PSOE ten a intención de cumprir o pacto orzamentario.

 

A Marea Atlántica e o PSOE reuniranse antes do Pleno na procura de garantías nos acordos orzamentarios