Alberto Lema, voceiro da Marea, e Antonio Leira, deputado de Facenda, asinaron un compromiso para incorporar as nosas propostas pola vía dos modificativos de crédito
O noso voto favorable significará aumentar un 20% os fondos para mantemento das estradas provinciais e para obras e equipamentos financiados co Plan Único
O grupo provincial da Marea Atlántica chegou hoxe a un acordo co goberno da Deputación da Coruña, na que se compromete a apoiar os Orzamentos da institución provincial a cambio de introducir diversas melloras pola vía dos modificativos de crédito que se dean durante o ano. Deste xeito, o noso voto favorable traducirase no aumento do 20% do investimento destinado a manter as estradas provinciais e dos fondos do Plan Unico para obras e equipamentos nos concellos, entre outras medidas.
O noso voceiro na Deputación, Alberto Lema, e o deputado de Facenda, Antonio Leira, asinaron hoxe este compromiso de entendemento que servirá para mellorar e corrixir as carencias do proxecto inicial de Orzamentos. Como explicou Lema, “dentro da escasa marxe de manobra que deixan a Lei Montoro, a falta de Orzamentos do Estado e os baixos índices de execución de anos anteriores, os modificativos ofrecen a posibilidade de mellorar e atender as demandas dos concellos”.
Nos últimos meses, Alberto Lema mantivo xuntanzas con representantes políticos de distintos municipios, e sempre coincidiron en sinalar o mal estado de conservación das vías provincias, así como a necesidade de apoiar aos concellos con fondos que poidan investir con autonomía, como ocorre cos do Plan Único.
Outras medidas
Ademais, o acordo entre a Marea Atlántica e o goberno da Deputación inclúe a creación dunha convocatoria aberta para fomentar a investigación sobre catro liñas estratéxicas: transición enerxética, mobilidade sostible, mar e cambio climático e patrimonio inmaterial.
Tamén se recolle o compromiso de promover o coñecemento da economía social nos centros de Formación Profesional, estender o Camiño dos Faros para incluír a Torre de Hércules e potenciar a promoción exterior do Camiño Inglés, en vista de que a Xunta non o pensa facer no marco do Xacobeo.
Por último, o goberno provincial manterá o investimento na cidade da Coruña ao nivel de anos anteriores, e asumirá melloras nos equipamentos e estradas provinciais en Sada, Teo, Mugardos e a Pobra do Caramiñal.