Saltar ao contido

Claudia Delso: “Animamos ao PSOE a conservar este proceso de democracia directa, tal e como figura nos nosos acordos”

O grupo municipal da Marea Atlántica insta ao goberno do PSOE a publicar, canto antes, os resultados dos Orzamentos Participativos 2019. “A votación  cuarta convocatoria deste proceso de democracia directa rematou o 9 de outubro, hai máis de mes e medio, e aínda non coñecemos cales foron as propostas escollidas pola cidadanía”, declara a concelleira Claudia Delso. Tamén lembra que manter os Orzamentos Participativos forma parte do noso pacto á coruñesa co PSOE para este primeiro ano de mandato.

Na anterior convocatoria, os resultados coñecéronse o 21 de setembro de 2018, na que se escolleron 49 propostas cos votos de 3.300 persoas, mentres que este ano non coñecemos aínda ningún dato a 18 de novembro.

Preocupación de veciñanza e colectivos

Como lembra Claudia Delso, “en anteriores edicións, os prazos do apoio inicial de achegas e da votación final eran de 21 días cada un, pero o goberno de Inés Rey reduciunos agora a unha semana, ao tempo que endureceu os criterios e deixou fóra varias propostas da veciñanza. Varios colectivos e persoas particulares puxéronse en contacto  con nós para amosar a súa preocupación por estes feitos”. O argumento do goberno local foi a necesidade de acelerar o proceso para incorporar as ideas gañadoras aos Orzamentos 2020, algo contraditorio con esta longa demora en publicar os resultados.

Os Orzamentos Participativos convocáronse por primeira vez en 2016, no anterior mandato, e permiten que a veciñanza decida directamente o destino de ata 3 millóns de euros.

“É un proceso de empoderamento cidadán, que medrou en participación ano tras ano, e que mellora a calidade democrática do Concello. Animamos ao PSOE a consolidar esta porta aberta á democracia directa, tal e como figura nos nosos acordos, e a dar a coñecer o antes posible os resultados da convocatoria”, explicou Claudia Delso. E indicou que no vindeiro Pleno preguntaremos por este asunto, como xa fixemos nos anteriores.

Mes e medio de atraso nos resultados dos Orzamentos Participativos