Saltar ao contido

A formación municipalista desexa que a cidade sexa sempre noticia por iniciativas como a Renda Social que pretende sacar adiante o actual goberno local, e non polas investigacións sobre tráfico de influencias que se arrastran da etapa do PP

A Marea Atlántica lamenta unha vez máis que a corrupción estea instalada no Estado español como unha forma de goberno, e amosa de novo o seu compromiso cunha política baseada en principios de honestidade, transparencia e rendición de contas

Ao día seguinte de que o CIS informase de que a inquietude pola corrupción segue crecendo entre a cidadanía do Estado -que a considera o principal problema social despois do desemprego- coñeceuse que a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía (UDEF) visitou as dependencias do Concello da Coruña en María Pita e Casa Paredes para obter información relacionada con dous contratos outorgados en 2011 e 2012 polo anterior goberno local do Partido Popular, en medio dunha investigación por presunto tráfico de influencias.

A Marea Atlántica respecta -como non pode ser doutra forma- a presunción de inocencia, pero lamenta que unha vez máis, e por culpa de anteriores executivos locais, A Coruña volva a ser noticia por posibles casos de corrupción, en vez de selo, como ocorreu nos últimos meses, por iniciativas como os procesos de participación cidadá ou a Renda Social Municipal que pretende sacar adiante o actual executivo.

A “boa xestión” do PP

Resulta chocante que o PP teime en presentarse a si mesmo como un exemplo de “boa xestión” cando o seu legado presenta enormes sombras que falan de redes de colocación de amizades ou de contratacións dubidosas, que en moitos casos converteron o seu goberno nunha lamentable ringleira de imputacións e sospeitas. Teñen na operación Pokémon o seu triste emblema, e agora semellan medrar, para indignación dunha cidadanía que xa amosou ante as urnas o seu contundente rexeitamento ante estas prácticas.

A Coruña comezou no maio pasado unha nova etapa, representada pola Marea Atlántica e que conta cun moi maioritario apoio social que non se pode ver defraudado por intereses alleos aos da cidadanía ou polos lastres da xestión do PP. É o tempo da xente e de que aqueles que utilizaron as institucións para fines irregulares se aparten da vida pública. É tempo de que o Partido Popular dea explicacións, se as ten. É tempo da tolerancia cero coa corrupción.

A Marea Atlántica lamenta que A Coruña volva ser relacionada coa corrupción pola xestión do anterior goberno local