Saltar ao contido

Dúas iniciativas impulsadas pola Marea Atlántica recibiron a aprobación de todos os grupos provinciais: a defensa dos 400 postos de traballo en Alcoa e do dereito á vivenda das 70 familias da Patiña, en Cambre

O Pleno da Deputación Provincial celebrado o 26 de outubro apoiou por unanimidade dúas iniciativas políticas impulsadas pola MareaAtlántica, en cuestións de vital importancia para a Área Metropolitana da Coruña.

En primeiro lugar, aprobouse unha moción conxunta de todos os grupos en defensa dos case 400 postos de traballo da fábrica de Alcoa na Grela, ameazada de peche a pesar de ser viable e competitiva. Como xa fixo o Pleno do Concello, a Deputación recolleu as demandas do cadro de persoal e esixiu a retirada do ERE de dubidosa legalidade que pesa sobre a factoría.

O p19_AlcoaNonPecharesidente do Comité de Empresa, Juan Carlos López Corbacho, fixo unha intervención moi certeira: “Como se pode permitir que pechen as fábricas da Coruña e Avilés e Alcoa traia de fóra alumino de peor calidade para transformar en Galicia? Fainos competencia desleal para xustificar que a fábrica non é rendible”. O próximo luns 29 de outubro, ás 17.30 horas, os traballadores e traballadoras convocan unha marcha desde a factoría ata a Delegación do Goberno, á que animamos a acudir.

Ademais, unha moción da Marea Atlántica rematou convertida en Declaración Institucional en apoio á veciñanza da Patiña (Cambre) que pode perder a súa casa a mans dun fondo voitre. Unhas 70 familias con poucos recursos están a piques de quedar na rúa porque os seus alugueiros sociais, impulsados no seu día pola Xunta, remataron en mans dun fondo voitre. Esiximos unha solución habitacional para todas as persoas afectadas. Unha vez máis, a cobiza da banca tenta pasar por enriba das persoas. Unha vez máis, terannos en fronte.

Doutra banda, aprobouse un convenio co Concello da Coruña para financiar o Encontro Ibérico de Democracia e Orzamentos Participativos, celebrado na Coruña no mes de xullo. O PP, segundo o seu costume, tentou botar lama sobre un proceso perfectamente legal, na súa teima por perseguir as políticas de participación cidadá. Pero desta vez non tivo éxito.

 

Memoria histórica e dignidade

Presentamos tamén unha moción conxunta con Compostela Aberta, BNG e PSOE para apoiar a Marcha a Meirás convocada o 10 de novembro pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. E xunto ao Bloque Nacionalista Galego, outra iniciativa para para reclamar o cambio de nome do colexio Calvo Sotelo da Coruña polo de María Miramontes, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica. O PP, por suposto, negouse a apoiar estas dúas propostas e preferiu absterse.

Finalmente, apoiamos a moción de Alternativa dos Veciños en solidariedade con Domenico Lucano, alcalde municipalista de Riace, perseguido por defender os dereitos das parsoas migrantes contra a persecución do goberno italiano. Unha vez máis, só o PP votou en contra e o seu voceiro, Agustín Hernández, fixo un intento de branquear as políticas de ultradereita de Mateo Salvini.

Apoio unánime á plantilla de Alcoa e á veciñaza da Patiña no Pleno da Deputación