Saltar ao contido

Nesta cita acordaranse os principios básicos para un proceso de confluencia cara as eleccións autonómicas

Agárdase a asistencia de máis de vinte iniciativas municipalistas das catro provincias, entre as que estará a Marea Atlántica

A Marea Atlántica asistirá o vindeiro sábado, 5 de marzo, ao cuarto encontro de iniciativas municipalistas galegas, que se celebrará en Ourense. Unha vintena de mareas xa confirmaron a súa presenza nesta cita, na que se acordarán os principios básicos polos que debe rexerse un proceso de confluencia, continuando o traballo realizado na EstradaA Pobra do Caramiñal e Lugo.

A xornada desenvolverase entre as 10.00 e as 19.00, no local da Asociación Aixiña (Rúa Recaredo Paz, 1). Entre outras cuestións, presentarase unha proposta de principios básicos, á que se incorporaron as achegas recollidas en Lugo, e que servirá para sentar as bases dun proceso de confluencia amplo, participado e capaz de levar á maioría social ás institucións galegas.

Eses principios descansan na radicalidade democrática e na defensa do tecido produtivo, da xustiza social, a lingua e cultura e os servizos públicos en aras do ben común. Sempre desde a honestidade, a transparencia e a participación cidadá.

Con paso firme, porque imos lonxe

Como xa é habitual nestes encontros, as conversas desenvolveranse cunha metodoloxía de facilitación que favoreza a inclusión e a participación de todas en pé de igualdade.

En vindeiras xuntanzas, continuarase a traballar sobre o código ético, a forma de goberno e os métodos para elaborar un programa participativo e a celebración dunhas primarias. As mareas municipalistas avanzamos paseniño, pero con paso firme, porque imos lonxe.

O sábado, en Ourense, novo encontro de mareas galegas