Saltar ao contido

O ferroviario Ángel Valladares Nocito denunciou a falta de apoio ao ferrocarril por parte dos poderes públicos

Sen un tren de proximidade funcional, é moi complexo manter unha verdadeira mobilidade sostible. Quedou claro no coloquio que mantivemos o 27 de febreiro, no noso local, co ferroviaro Ángel Valladares Nocito, quen lembrou que “desde hai décadas, as accións dos poderes públicos foron deixando morrer o servizo de cercanías”.

Valladares sinalou que “pouco despois de chegar o PSOE ao goberno, en 1984, comenzaron a pecharse liñas de ferrocaril”. Durante décadas, as vías férreas foron o parrulo feo das infraestruturas de transporte, mentres o Estado se enchía de autovías moito máis caras e con maior impacto ambiental. Foi así ata que en 1992 comezou a febre do AVE.

“Cambiouse o proxecto do tren Madrid-Sevilla por unha liña de alta velocidade, e o éxito propagandístico foi tal que se converteu na única alternativa”, explicou o ferroviario. Desde entón, a obsesión por convois que superen os 200 quilómetros por hora afogou todo investimento nas liñas convencionais. Cómpre aclarar que a alta velocidade non é mala en si mesma, e ten aplicacións interesantes, pero rematou por converterse na única opción que os gobernos contemplan cando pensan no ferrocarril, esquecendo o desenvolvemento de liñas máis modestas a nivel local e comarcal, cuxo servizo podería aforrar milleiros de desprazamentos en coche.

No caso concreto da Coruña, existe unha rede de vías que percorren a comarca, cruzan o porto e chegan ata Palexco. Cun mínimo investimento na súa modernización, sería factible poñer en marcha un tren de cercanías que se convertería nunha boa alternativa para as persoas que entran na cidade a traballar desde a área metropolitana. Unha actuación coma esta sería moitísimo máis eficiente e sostible que as proxectadas ampliacións da Ponte da Pasaxe e a Avenida da Vedra.

Durante o coloquio, e no debate posterior, tamén se advertiu da necesidade de potenciar o tren de mercadorías entre os grandes portos e as cidades. “Non ten xeito que sete anos despois da súa inauguración oficial, o porto exterior de Ferrol siga sen conexión ferroviaria. E o da Coruña, que xa ten zonas operativas, nin sequera ten un proxecto aprobado para o ferrocarril”, afirmou Valladares Nocito.

En resumo, o tren é o gran esquecido das administracións públicas en Galicia, a única comunidade costeira do Estado que non conta cun ferrocarril de proximidade funcional. Na nosa man está reclamalo e poñelo de novo la lista de prioridades da que nunca debeu desaparecer.

O tren de proximidade, un píar da mobilidade sostible