Mareas

IMG-20141122-WA0005

Crónica | Castañas, Traballo e Teito

Por Alejandro Gándara

IMG-20141121-WA0007

“Acabáronse as vendimas, e veñen as esfolladas, para comer coas mociñas, catro castañas asadas”.

Isto cantaruxo mentres vou pola ateigada Rúa Barcelona abaixo, camiño do magosto organizado pola Marea da Agra do Orzán. A cantiga semella apropiada para o momento: unha marabillosa noite de novembro –por moi raro que soe– na que, tras tres meses de vida e traballo, de vendima democrática, nos permitimos un descanso para comer unhas castañas e botar uns bailes acompañados da música das propias compañeiras da Marea.

Nunha paisaxe fría e gris, como é a da Rúa Barcelona, vanse quentando as castañas, e atraídas polo seu recendo van achegándose feixes de persoas. Xente de todas as idades, mareantas e non mareantas que, quen sabe, quizais xa o serán ao día seguinte, cando escriba estas palabras. Saúdos, apertas, gargalladas e algún que outro brinde polo traballo feito. Mentres lle dou un choupo á miña cervexa, unha señora achégase para roubarme a pandeireta e únese á foliada, mentres o primeiro bailador da noite comeza dando toda unha lección de freestyle.  

IMG-20141122-WA0005

“Rúa Barcelona, o Hong Konk galego, damos unha vida por un palmo de terreo… Polo si, polo non, especulación…”

A pesar da beleza da noite –só embazada por unhas pequenas e ocasionais pingueiras– e do inmellorable ambiente, mentres observo a paisaxe ao meu redor estas palabras de Xurxo Souto resoan na miña cabeza. Non debemos esquecer por que estamos aquí, ocupando o único espazo público que nos queda, e que foi gañado a pulso pola veciñanza. Non debemos esquecer que, como di a nosa compañeira Begoña, as reivindicacións do barrio son as mesmas que eran hai 30 anos. Estamos aquí para festexar que hai Marea, si, mais tamén para seguir construíndoa entre todos. Unha Marea que medra día a día, empuxada por todas esas persoas que loitan por respirar nun mar de cemento, que buscan as fisuras dos muros de formigón construídos a golpe de especulación, que toman os espazos públicos para reivindicar as festas populares, a democracia, a vida… Castañas, traballo e teito; podería ser o noso lema.

Ao son das gaitas e as pandeiretas, comezan tamén a moverse os pés. “Os que queiran aprender a bailar, que veñan por aquí!” anuncia Carme Campo, profesora de baile tradicional na compostelá Gentalha do Pichel, quen se ofreceu desinteresadamente a dar un pequeno obradoiro desta arte colectiva, espontánea e tan humana como a propia fala. Aos poucos vaise enchendo o torreiro, primeiro de rapazas e logo, máis timidamente, dalgún que outro rapaz. Como dixo Emma Goldman: “se non podo bailar, a túa revolución non me interesa”. E por iso bailaremos, desde logo que bailaremos.

IMG-20141122-WA0019

 

Vaise facendo tarde e vai rematando a festa, aínda que haxa quen non semella disposto a parar. O fume das grellas vaise disipando e a caloriña das castañas dá paso ao orballo, o cal semella que finalmente chegou para quedarse. Esta foi a primeira, pero non será a última; xa que agardamos ter moito que celebrar no futuro. Vémonos polo barrio da Agra do Orzán. É a nosa vez!

 

2 comments

  1. Pingback: Crónica | Castañas, Traballo e Teito | Voces del Agra

  2. Grazas pola difusión
    Grazas Voces del Agra

    Responder

Have your say