Saltar ao contido

O cabeza de lista da Marea Atlántica atenderá os problemas de falta de espazo público, accesibilidade, aparcamento irregular e instalación de ascensores nos edificios

Comprométese tras percorrer o barrio coa asociación veciñal cunha solución ambiciosa para o Parque do Observatorio, mudando o PXOM para que sexa un parque aberto á cidadanía 

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, aposta por facer da Agra do Orzán un barrio máis verde e accesible no vindeiro mandato. Nun percorrido coa asociación veciñal comprometeuse a atender os problemas de espazo público e accesibilidade con medidas para o coidado das beirarrúas, loita contra o aparcamento irregular, impulso das hortas urbanas e integración do Parque do Observatorio. “A Agra é o barrio máis densamente poboado e máis multicultural da Coruña, e precisa moita máis atención por parte do Concello”, sinala Xove.

En concreto, o líder da formación municipalista desenvolverá actuacións como un plan de mantemento de beirarrúas para facilitar a accesibilidade na avenida das Conchiñas, a contorna da rúa Vila de Cee e outros espazos do barrio, así coma unha solución inmediata para as escaleiras do Camiño do Pinar, no Peruleiro, que agora son unha barreira insalvable para as persoas con mobilidade reducida. Tamén impulsará unha serie de “corredores peonís seguros” que conecten centros educativos e lugares de lecer.  Tamén procurará unha solución para o aparcamento irregular nas zonas peonís da Praza das Conchiñas, que mingua un dos poucos espazos públicos abertos do barrio.

Tamén é preciso coidar da accesibilidade no interior dos edificios, polo que a partir do 28 de maio, coa Marea Atlántica no goberno, reforzaranse as axudas á rehabilitación para a instalación de ascensores nas comunidades veciñais, un problema que afecta especialmente á Agra e que condena a moitas persoas maiores a vivir encerradas nas súas propias casas. Esta medida virá acompañada dunha simplificación dos trámites burocráticos, con asesoramento por parte do Concello.

Na mesma liña, apostamos por conservar e impulsar as Ecohortas da Agra do Orzán, que se atopan en solo de titularidade municipal pero corren o risco de quedar desprazas pola macrourbanización prevista en San Pedro de Visma. Trátase dun proxecto premiado pola UE, que dá servizo a un gran número de persoas e en torno ao cal se formou unha comunidade unida, “xusto o tipo de actuacións que contribúen a unha cidade máis verde e tamén máis cohesionada e equitativa”, en palabras de Xan Xove.

Máis espazo no Observatorio

O candidato da Marea Atlántica tamén abrirá no vindeiro mandato o Parque do Observatorio dun xeito integral, permeable e accesible conectando entre si as dúas áreas de apertura previstas que se encontran illadas entre si. Tamén traballará para recuperar para uso público a área chamada popularmente Campo da Burra, atendendo a demanda histórica da veciñanza da Agra do Orzán e dotando o barrio máis denso da Coruña dun moi necesario espazo aberto. “As case 30.000 persoas que viven na Agra non poden ter a praza das Conchiñas coma único espazo público. Abriremos por fin o Parque do Observatorio, e farémolo cunha solución ambiciosa, mudando o planeamento urbanístico para darlle a máxima superficie posible”.

Deste xeito, Xove explicou que non só desenvolverá o protocolo de colaboración entre o Concello e a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), que Inés Rey presentou en precampaña, senón que negociará coas promotoras privadas nas zonas anexas e empregará as ferramentas urbanísticas do goberno local para que o Parque do Observatorio estea por fin aberto á cidadanía da Agra.

“Cada metro cadrado de espazo aberto que gañe a Agra será unha boa nova, pero o que propón o PSOE é abrir dúas áreas desconectadas entre si, e unha das cales é unha zona de paso, a contorna da escaleira do Observatorio, cunha pendente moi pronunciada que complica o seu uso como espazo público. A partir de maio, teremos que facer o traballo político e urbanístico necesario para mellorar esta proposta”; sinala o candidato.

Finalmente, Xan Xove tamén propón a posta en marcha de programas de intervención social e convivencia, para reducir a conflitividade no barrio, ao estilo do que funcionou con éxito na Sagrada Familia durante o mandato de Xulio Ferreiro.

Xan Xove aposta por facer da Agra do Orzán un barrio máis verde e accesible a partir do 28 de maio