Comprobamos o deterioro dos servizos municipais no barrio: A ampliación da biblioteca segue pendente e perdéronse iniciativas como Coruña Suma e o punto de canguraxe, entre outras
É necesario poñer en marcha un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda, para afrontar problemas como a suba dos alugueiros, os pisos baleiros e o impacto negativo das vivendas turísticas
As concelleiras da Marea Atlántica Silvia Cameán e Claudia Delso mantiveron hoxe un encontro co director da biblioteca da Sagrada Familia, para coñecer as súas necesidades, e reclamaron unha maior atención aos barrios, que deberían ter unha maior presenza nos Orzamentos 2022 e nas políticas do Concello. “A Sagrada Familia, coma Os Mallos ou a Agra do Orzán, arrastran problemas de falta de investimento público, servizos e intervención urbana, e o goberno local non dá resposta”, sinala Cameán.
A Sagrada Familia intégrase unha áreas das máis poboadas da Coruña, pero precisa melloras no espazo público, e na mobilidade, e o regreso de servizos como o centro social (que leva dous anos pechado) ou o punto de canguraxe. A falta de atención desde o executivo municipal é tan grave que mesmo se desmantelou o punto de atención do programa Coruña Suma, un plan de emprego financiado con fondos europeos conseguidos no pasado mandato, e que debería ter un dos seus focos no barrio.
Tamén segue pendente a ampliación da biblioteca coa compra dos tres locais adxacentes, espazo necesario para mellorar a atención á veciñanza e impulsar á iniciativa A Eira, que Claudia Delso describe como “ un proxecto de innovación bibliotecaria e participación cidadá, importante e tractor para o barrio, con moi boa acollida”.
No pasado mandato deuse un aumento da conflitividade na Sagrada, que o goberno da Marea Atlántica afrontou cun programa de mediación en rúa e actividades centradas na biblioteca. Deu bo resultado e ofreceu alternativas tras a actuación policial inmediata, pero non tivo continuidade no goberno de Inés Rey. A súa mirada non vai máis alá dos Cantóns.
Por iso mesmo estamos a reclamar políticas centradas nos barrios, coma a iniciativa Mover os Baixos para reactivar os locais comerciais baleiros con novas actividades, o reforzo das políticas sociais tras o recorte aplicado en 2020, e un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda que mobilice o alugueiro social, a vivenda pública e a rehabilitación. Esixímoslle ao PSOE, que mude o rumbo e atenda a algo máis que a inchar a caixa das grandes inmobiliarias, e faremos valer os nosos votos para conseguilo.
Plan Municipal polo Dereito á Vivenda
Mentres os gobernos do Estado e a Xunta permanecen inmóbiles, o problema da vivenda medra. E movementos sociais como a Plataforma de Afectadas pola Hipoteca e a Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social están a denuncialo con diversas iniciativas. Na Coruña hai motivos abondo para non agardar e poñer en marcha políticas de vivenda ambiciosas e transformadoras. Os alugueiros non paran de medrar, os pisos baleiros acumúlanse, as vivendas turísticas tamén, e as novas construcións están moi lonxe do alcance da xente común. E tamén existen iniciativas como as cooperativas en cesión en uso, que merecen moita máis atención da que lles presta o goberno local.
Non abonda coas iniciativas de vivenda pública en Xuxán e Pontejos, creadas polo goberno da Marea Atlántica. Hai que dar un paso valente e pioneiro como fixemos coa Renda Social ou a gratuidade das escolas infantís. Porque o dereito á vivenda debería ser a prioridade de calquera goberno decente.