Saltar ao contido

As listas definitivas da adxudicación das novas parcelas seguen sen publicarse. Ao mesmo tempo que hai lista de agarda, algunhas parcelas están baleiras e outras que se traballan están a recibir ordes de devolución

A Concellería de Medio Ambiente non respondeu a numerosas peticións das usuarias, a pesar de que foron presentadas como esixiu a Concellería no seu Plan anual de melloras das ecohortas

A Marea Atlántica reclama do goberno local un maior compromiso coas hortas urbanas da Coruña, unha política iniciada no pasado mandato que demostrou os seus efectos positivos nas persoas usuarias, no medio ambiente e nas comunidades dos barrios.

Como trasladan as usuarias das hortas da Agra do Orzán “A Concellería de Medio Ambiente  non atende, a cotío nin sequera contesta, a peticións sinxelas de provisión de material ou pequenas reparacións, cando mesmo están ben presentadas en tempo e forma, tal como esixiu a propia Concellería a través dun traballoso e complicado Plan anual de melloras das ecohortas. Non se entende tal desleixo por unha política que trae tantos beneficios ao medio e ás persoas.”

Como xa lembramos o pasado mes de maio a Concellería de Medio Ambiente segue amosando serias dificultades na xestión das hortas urbanas. As listas definitivas de adxudicación de parcelas non foron publicadas e non se pode facer seguimento da lista de agarda. As do parque de Adolfo Suárez, trascorridos tres anos xa, non están aínda preparadas e as listas de adxudicación están en permanente provisionalidade. “É unha mágoa a falta de interese do goberno local por unha política que aporta benestar a moitas persoas”, conclúe María García.

En paralelo a esta situación, as hortas urbanas do parque de Visma, prometidas ao comezo do mandato, non chegaron a abrir a día de hoxe, e as do parque de Oza, que quedaron practicamente rematadas polo goberno da Marea Atlántica, están agora nun estado de completo abandono. 

Incerteza diante do desenvolvento urbanístico en Visma

As usuarias das hortas amosan preocupación pola afección que o desenvolvemento urbanístico de Visma poda ter nas 118 parcelas e 10 mesas de cultivo das ecohortas na Agra do Orzán, pois alí está prevista a construción de 4.000 novas vivendas. Como di o candidato á alcaldía da Marea Atlántica, Xan Xove, logo de visitar estas hortas e reunirse con algunhas das usuarias, “os megaproxectos de construción de vivendas, propios dun urbanismo caduco e obsoleto ameazan constantemente con acabar con este tipo de iniciativas verdes que achegan beneficios para a veciñanza e a contorna urbana, especialmente nunha Coruña cada vez máis ateigada de cemento. Pola contra, o goberno local resístese a amosar un compromiso firme coas ecohortas ou a intención de seguir avanzando neste tipo de políticas”.

Un modelo para unha Coruña máis verde

O modelo das Eco Hortas foi implantado no mandato de Xulio Ferreiro, con moi boa acollida entre a veciñanza. Non só ofreceron unha alternativa de lecer saudable, tamén fan unha cidade máis verde e axudan a frear o impacto do cambio climático.

A rede de hortas urbanas da Coruña participou en programas europeos coma o Urbact III, e sumáronse a un proxecto de intercambio experiencias e boas prácticas de agricultura urbana, xunto Roma (Italia), Vilnus (Lituania), Cracovia (Polonia), Tesalónica (Grecia), Caen (Francia) e Loures (Portugal). Tamén foron recoñecidas co VIII  Premio de Boas Prácticas Locais polo Clima da FEMP.

Reclamásmolle ao goberno local un maior compromiso coas hortas urbanas