Concello

edar_de_bens_a_coruna

Bloqueo a calquera prezo: PP e PSOE poñen en perigo a viabilidade da depuradora de Bens

Os dous partidos votan en contra de modificar a taxa de depuración, rompendo o acordo que apoiaran en xuño, con outros catro concellos da comarca, no consello de administración da EDAR

“Inténtase confundir á poboación anunciando unha suba no recibo da auga que non se ía producir no 90% dos casos”, salientou Xulio Ferreiro

 

“Unha vez máis, o PP e o PSOE, da man, viñeron ao pleno co ánimo de debilitar a este goberno e de crear unha profecía que se cumpre a si mesma. Anuncian parálise, bloquean as decisións, e logo denuncian a parálise que eles mesmos crearon. E mentres, quen paga o pato é a cidade da Coruña”. Son as palabras de Xulio Ferreiro tras o pleno extraordinario de hoxe, no que socialistas e populares impediron a modificación da taxa da depuradora de Bens e de parte das ordenanzas fiscais para 2017.

O PP e o PSOE, unidos, bloquearon unha decisión que eles mesmos apoiaran hai tan só cinco meses. Bloquearon un cambio na taxa de depuración que aprobaran en xuño e que están a aplicar en concellos onde gobernan. Danan o traballo de depuración, e deixan no aire a creación dun servizo de inspección coordinado polos cinco municipios, para evitar vertidos ilegais. “Coa súa decisión, poñen en perigo a viabilidade da depuradora, unha empresa pública, e a calidade do tratamento da auga. Poñen en risco os nosos mares e a nosa costa”, explicou Xulio Ferreiro.

En xuño, o Consello de Administración da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Bens aprobou -entre outras cousas- aumentar a taxa de depuración en 50 céntimos ao mes. Nese consello están os concellos da Coruña, Oleiros, Arteixo, Cambre e Culleredo, e tamén as concelleiras Luisa Cid e Begoña Freire, do PP, e Mar Barcón, do PSOE e do PSOE en María Pita. Por unanimidade, acordaron mudar a taxa, porque así o avalaban os informes técnicos e económicos.

Deslealdade coa área metropolitana

02-11-16-foto-plenoAo PP pareceulle ben aplicar a nova taxa en Arteixo, ou ao PSOE en Culleredo. Ás concelleiras destes partidos en María Pita non tiveron tampouco ningún problema en apoiar a medida, que desde o goberno local se compensará para evitar a suba do recibo da auga na maioría dos casos. Non houbo ningún problema ata o día de hoxe, no que bloquearon e traizoaron o acordo da comarca, e sen ningún motivo máis que gañar réditos políticos. Desde a chantaxe, poucas posibilidades hai de acordos.

Para xustificar o seu inxustificable cambio de opinión, “intentan enganar á poboación da Coruña anunciándolle unha suba no recibo da auga que non se ía dar no 90% dos casos”, tal e como denunciou Xulio Ferreiro. Non só porque xa se baixou o ano pasado, senón porque o goberno municipal apostaba por un desconto para os fogares con menos consumo -máis de 30.000 familias na cidade- que compensaría a suba na depuración. Tentouse aprobar no consello de administración de Emalcsa, hai dúas semanas. Pero non foi posible, de novo, o PP e o PSOE non quixeron.

A teima de baixar o IBI: só lle aforraría 60 céntimos ao ano ás familias de rendas máis baixas, pero faríalle perder ao concello 5 millóns de euros

Por outro lado, o goberno municipal decidiu retirar da orde do día do pleno o punto relativo ás ordenanzas fiscais para 2017, porque non ían ter un apoio global, e o PP e o PSOE tentaron empregalo para forzar unha baixada lineal do Imposto de Bens Inmobles, que Partido Socialista puxo sobre a mesa o pasado xoves, logo de semanas sen facer proposta ningunha.

Como dixo o alcalde, “a política fiscal non se fai con ocorrencias que se presentan de xoves para luns. Non entendemos medidas de rebaixa que non sexan progresivas, e creo que non o é, por exemplo, unha medida –como a proposta do PSOE– que supoñía unha rebaixa de 60 céntimos anuais para os valores catastrais máis baixos, pero lle aforrará entre 900 e 1.000 euros aos máis altos”, comentou o alcalde, que, non obstante, insistiu na vontade de diálogo do goberno.

“Nós estamos dispostos a negociar un modelo de IBI que permita a progresividade, pero para artellar isto hai que ter moitas cousas enriba da mesa, como os informes técnicos e económicos. Se realmente había unha vontade clara por parte destes grupos de traballar cara a outro modelo podiamos ternos sentado. Ao PSOE se lle pediu moitas veces, pero non quixo”, explicou Ferreiro

Finalmente, salientou que “cando alguén pretende compartir un proxecto, debe facelo en base a relacións de confianza”, en referencia ás pretensións do grupo municipal socialista. “Por agora non foi posible o consenso coas ordenanzas fiscais, pero agora veñen os orzamentos… O que temos claro é que os gobernos de coalición baseados na hostilidade non son bos para a cidade”, resolveu.

Have your say