A xenerosidade do Partido Socialista con Mariajo Rajoy contrasta coa súa actitude na Coruña, onde o seu apoio na investidura de Xulio Ferreiro non se traduciu desde ese momento nunha disposición leal ao acordo e á cooperación
A Marea Atlántica, así como o seu goberno municipal, seguirá aberta a profundizar no entendemento: a aprobación das ordenanzas fiscais e dos orzamentos para 2017 son oportunidades para cambiar o rumbo e construír un clima de confianza
O apoio do PSOE á investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno do Estado confirmou, o pasado sábado, a peor das hipóteses: máis de 130 anos de historia socialista foron traizoados por un aparato xordo, inmune ao sentir maioritario da súa militancia e intervido polos que mandan e queren seguir mandando sen presentarse ás eleccións: desde os despachos das grandes empresas e os editoriais dos grandes medios de comunicación.
Nin sequera a dignidade dos 15 parlamentarios e parlamentarias que votaron en contra serven para maquillar a entrega do poder, sen condicións nin contrapartidas para a maioría social agredida, a un Partido Popular imputado por corrupción e ao servizo de novos e inminentes recortes ao ditado de Europa. Entre o austericidio e as súas vítimas, a xestora do PSOE escolleu poñerse do lado da Troika como cando reformou, unilateralmente, o artigo 135 da Constitución Española.
A xenerosidade do PSOE con Mariano Rajoy contrasta coa súa traxectoria no Concello da Coruña, onde o apoio na investidura ao goberno municipal da Marea Atlántica e ao alcalde Xulio Ferreiro nunca se traduciu, e xa vai alá un ano e medio, nunha disposición leal ao acordo e á cooperación. Os últimos meses ilustran perfectamente, día a día, a negativa do grupo municipal que encabeza Xosé Manuel Dapena a cambiar o rumbo. Mentres o goberno local segue coa man tendida, convencido de que é posible chegar a acordos concretos nun clima de confianza mutua, sucédense as oportunidades perdidas. O PSOE insiste no bloqueo, en todos os niveis e en todos os ámbitos.
Como repite unha e outra vez o alcalde Xulio Ferreiro, e como pensamos nesta coordinadora, sen clima de confianza non é posible nin sequera convocar o referéndum ao que debemos someter unha decisión desta envergadura, en cumprimento dos nosos estatutos. E non haberá clima de confianza que o permita até que o PSOE decida que quere ser nesta cidade, que papel quere xogar. Porque non é o mesmo o PSOE do que fala o líder socialista Pedro Sánchez nas súas últimas manifestacións públicas que o PSOE dos que o desaloxaron da secretaría xeral do seu partido, que é o que manda nas filas socialistas en María Pita.
A Marea Atlántica, así como o seu goberno municipal, seguirá aberta á cooperación leal e á construción dun clima de confianza que permita profundizar no entendemento co PSOE. Pero é preciso, e non cansaremos de repetilo, que esta vontade sexa recíproca. Nas próximas semanas abriranse varias oportunidades para darlle un xiro á situación con mostras concretas e claras de vontade de acordo.
A primeira, e todo apunta a que será desaproveitada cunha nova alianza entre o PP e o PSOE, darase esta mesma semana coas ordenanzas fiscais, coas que o goberno municipal pretende consolidar a aposta pola xustiza fiscal e a progresividade nos tributos que comezou o ano pasado. Os impostos son unha ferramenta para transformar a sociedade, para que a solidariedade de quen máis ten permita axudar a quen peor o pasa.
Por iso, o executivo local aposta polo estímulo ás pequenas empresas, os beneficios fiscais para as persoas en risco de exclusión, levando á taxa do lixo as bonificacións introducidas o ano pasado na da auga, e a democratización dos bens públicos. A resposta do PSOE a estas medidas foi poñerse de acordo co PP para forzar unha rebaixa unilateral no IBI, que nada suporá nos petos das persoas que loitan por chegar a final de mes, pero que serán un gran alivio para os grandes patrimonios. E por este xesto contra a equidade, o Concello podería perder uns 5 millóns de euros.
A seguinte, decisiva, chegará co debate dos Orzamentos de 2017. Uns orzamentos nos que o goberno municipal establece cinco liñas mestras, pensadas para facer da Coruña unha cidade con futuro e mellor para vivir. Apóstase pola mobilidade sostible, por protexer o dereito á vivenda, por coidar e mellorar o espazo público na cidade, polo fomento do emprego e o cambio do modelo económico, e pola construción da área metropolitana a partir do acordo acadado na Declaración de María Pita.
Hai meses que o PSOE coñece estas propostas, tanto as liñas estratéxicas como as propostas concretas para as ordenanzas fiscais, e nada dixo sobre elas. Nin achegou tampouco ningunha idea para ser incorporada. Mal se pode negociar con quen non ten claras as políticas que desexa levar a cabo. E menos aínda formar goberno.